O novo alcalde de Ourense inicia o control dos horarios dos funcionarios municipais

Democracia Ourensana e PP repártense cinco postos para cada un na Xunta de Goberno Local

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2019 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

A primeira medida do novo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, foi implantar o control horario para os traballadores municipais. Así, os funcionarios recibiron fortes críticas por parte de Democracia Ourensana desde a súa entrada no Salón de plenos e, non en balde, nas súas primeiras horas como rexedor Jácome centrouse neles.

Gonzalo Pérez Jácome recibe o bastón de mando de Ourense
Gonzalo Pérez Jácome recibe o bastón de mando de Ourense | Fonte: EFE.

O control da hora de entrada e saída dos traballadores esíxeo a lei, pero no Concello de Ourense aínda non estaba instaurado. A este respecto, Jácome asinou este martes unha providencia de Alcaldía para levar a cabo o control horario efectivo dos traballadores municipais.

A providencia está dirixida á Xefatura de Recursos Humanos e ten como obxectivo básico a elaboración de follas de rexistro en todas as dependencias. Deste xeito, os traballadores públicos deberán asinar tanto á entrada como á saída da súa xornada laboral e especificar a hora concreta en que se realiza cada unha delas.

Cada xefe de servizo será o encargado de establecer en cada dependencia ou unidade de traballo unha persoa responsable de xestionar os respectivos documentos que conteñan a firma dos empregados.

XUNTA DE GOBERNO

Por outro lado, a Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense estará composta de 10 concelleiros que se repartirán "de maneira paritaria" en cinco concelleiros de Democracia Ourensana e cinco do Partido Popular, segundo os nomeamentos realizados polo novo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.

Por parte de Democracia Ourensana os membros da nova Xunta de Goberno serán Miguel Caride, Armando Ojea, Isabel Rebanales e María Teresa Rodríguez, a maiores do propio alcalde encargado de presidila. Mentres que os populares contarán na Xunta de Goberno con Eugenia Abella, Flora Moure, Sonia Ogando, Ana Fernández Morenza e Jorge Pumar.

Deste xeito, o novo alcalde de Ourense asinou este martes o decreto de nomeamento dos membros da Xunta de Goberno Local e do concelleiro-secretario que recaerá na persoa do edil de Democracia Ourensana Miguel Caride.

Democracia Ourensana quedará con Infraestruturas e Persoal, mentres que o PP conservará Urbanismo e Facenda.

A primeira sesión de Xunta de Goberno Local terá lugar este mércores coa celebración da sesión constitutiva. Ambos os grupos tamén teñen pendente a convocatoria dunha xunta extraordinaria, de carácter formal, co fin de aprobar o contrato da empresa de son dos concertos das festas que empezan este venres.

A Xunta de Goberno Local é o órgano que colabora de forma colexiada na función de dirección política que lle corresponde ao alcalde e exerce as funcións executivas e administrativas que sinala a Lei de Bases de Réxime Local.

En base ao establecido no Regulamento Orgánico de Goberno correspóndelle ao concelleiro-secretario redactar as actas das sesións e certificar sobre os seus acordos.

Segundo o establecido no decreto da Alcaldía, a Xunta de Goberno Local celebrará as sesións ordinarias con periodicidade semanal os xoves ás 8,30 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Na práctica totalidade dos concellos grandes hai reloxes de fichaxe. O de firmar nunha folla é algo moi desfasado. E que un Alcalde o primeiro que faga é criticar aos funcionarios é, como mínimo, algo moi pouco prudente. Hai xente que estaría mellor noutros sitios, (no sector da distribución comercial ,por exemplo ) e que non vale para outros.