Por E.P. | A CORUÑA | 19/06/2019 | Actualizada ás 10:44
Alcoa e representantes dos traballadores reúnense este mércores en Madrid, un encontro que se producirá tras o principio de acordo co fondo suízo Parter Capital para a venda das fábricas da Coruña e Avilés.
A reunión, ás 15,00 horas, segundo informaron a Europa Press desde o comité de empresa, producirase despois de que os traballadores de Alcoa na Coruña abandonasen o peche que protagonizaron na Delegación do Goberno en Galicia. Será unha convocatoria no marco do seguimento do ERE.
Segundo un comunicado remitido polo comité de empresa, o peche abandonárono "ante o cumprimento por parte do Goberno e de Alcoa das condicións para levantar o peche". En concreto, segundo informou a Delegación do Goberno en Galicia, sobre as 21,50 horas, os traballadores abandonaron as dependencias na Coruña.
Os traballadores reclamaban a presenza da representación sindical nas reunións, despois de que este martes se celebrase unha entre Ministerio de industria, Parter e representantes autonómicos, sen a súa asistencia. Tamén que o Goberno avale o proxecto industrial para garantir investimentos e o emprego.
Para o xoves está convocada, ademais, unha reunión da mesa estatal con presenza de administracións, empresa e representación sindical.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.