O furtivismo sofistícase: detido un home que usaba un torpedo para desprazarse baixa a auga e coller percebe de forma ilegal

O detido empregaba un equipo de submarinismo profesional e un aparello co que podía chegar ata dez quilómetros baixo a auga.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2019 | Actualizada ás 16:10

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Autonómica detiveron un individuo por extraer de forma ilegal percebes, na zona comprendida entre Barrañán e o Porto exterior da Coruña, que utilizaba un torpedo para desprazarse varios quilómetros baixo a auga e evitar así ser localizado.

Detido un furtivo que usaba un torpedo para desprazarse baixa a auga e extraer percebe de forma ilegal na Coruña
Detido un furtivo que usaba un torpedo para desprazarse baixa a auga e extraer percebe de forma ilegal na Coruña | Fonte: Xunta de Galicia

O detido empregaba un equipo de submarinismo profesional e un torpedo co que podía chegar ata dez quilómetros baixo a auga. Cando alcanzaba a zona escollida, fondeaba o torpedo e comezaba a extracción.

Unha vez que conseguía a cantidade desexada, regresaba baixo a auga ao lugar de partida. Tomaba tamén outras precaucións, como deixar fondeado o produto recollido ata ter a certeza de que non podía ser localizado, para o que contaba coa axuda dunha muller, que tamén foi detida na operación.

Calcúlase que nunha xornada de traballo podía obter entre 3.000 e 5.000 euros de beneficio. No momento da detención, incautáronselle 44 quilos de percebe de gran tamaño que na lonxa poderían alcanzar un valor de 5.200 euros.

Tamén se lle interveu un coche, un equipo completo de submarinismo e o torpedo que usaba para desprazarse, así como varios útiles para a extracción e limpeza do molusco, desde unha áncora ata redes ou unha lanterna.

Os percebes foron entregados á Residencia Padre Rubinos. Ao individuo, que era coñecido por ser un furtivo habitual na zona da Coruña, impútaselle un delito contra a flora e a fauna pola extracción ilegal de percebe. As dilixencias foron remitidas ao xulgado de Garda da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta