Aemet prognostica un verán "máis cálido" do normal e que tenderá a alongarse

Presentou tamén o balance da primaveira, que resultou "moi cálida e lixeiramente máis seca" que o que é habitual.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 20/06/2019 | Actualizada ás 13:24

Comparte esta noticia

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) augura un verán "máis cálido do normal" en Galicia e con precipitacións "normais" para esta época do ano, tras ter unha primavera moi calorosa e "máis seca" do habitual. En rolda de prensa, o delegado da Aemet en Galicia, Francisco Infante, presentou o balance climatolóxico da primavera, que resultou "moi cálida e lixeiramente máis seca", e avanzou na predición estacional para o verán, no que "probablemente" se rexistren temperaturas con valores máis elevados.

De cara aos próximos días, en Galicia predominará un "tempo tranquilo", aínda que se espera a entrada dunha borrasca na noite do sábado. Así, a noite do sábado e o domingo 24 unha fronte varrerá toda Galicia deixando precipitacións de certa intensidade.

Con todo, segundo avanzou Infante, as choivas irán remitindo "á primeira hora da tarde" do domingo, polo que se esperan ceos nubrados, pero sen precipitacións de face á noite de San Juan. En concreto, para San Xoan, agárdase "unha boa noite", cunhas temperaturas mínimas de 12 graos no interior da comunidade, subindo ata os 15 nas zonas costeiras.

De cara ao verán, a Aemet augura un período estival "máis cálido" e en canto ás choivas non se aprecia ningunha tendencia polo que "é probable que teña un comportamento normal" durante o próximos tres meses.

MENOS CHOIVAS NA PRIMAVERA

Respecto da primavera, esta foi "moi cálida", sobre todo polos valores rexistrados no mes de maio cando se alcanzaron as temperaturas máis elevadas, ao superar os 37 graos nalgunhas localidades do sur da comunidade.

Ademais, a primavera resultou "lixeiramente máis seca do normal", ao chover "o 85% do valor medio" para esta estación. De feito, esta primavera choveu menos da media: "Chove 37 días de media e esta primavera choveu 34 días".

A pesar de que o mes de abril foi algo máis húmido, o mes de maio caracterizouse pola escaseza de precipitacións. Só choveu uns días, do 6 ao 10 de maio e do 16 ao 18. En canto ao mes de xuño, Infante sinalou que está resultado "frío" e húmido, pois a estas alturas "xa choveu máis do habitual para todo o mes".

OS VERÁNS ALÓNGANSE

Precisamente, esta escaseza de precipitacións repercute no balance hídrico, que, a falta de catro meses para que termine, atópase "dentro dos valores normais" aínda que mostra unha certa tendencia "lixeiramente seca".

Infante aproveitou a súa intervención para presentar un estudo sobre a duración do verán en Galicia, unha estación que co paso dos anos "alónganse" ao adiantarse á primavera e alongarse ata o outono. No caso da Coruña, di, o verán xa se prolonga "desde finais de xuño ata outubro". Unha tendencia que Infante relaciona co cambio climático.

Galicia rexistra unha noite 'tropical' con mínimas que non baixaron dos 24,5 graos en Lira e dos 23 en Vigo. EUROPA PRESS - Arquivo
Galicia rexistra unha noite 'tropical' con mínimas que non baixaron dos 24,5 graos en Lira e dos 23 en Vigo. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta