A Xunta recoñece que é a primera vez que elabora unha "estratexia específica" para a Cultura

Anxo Lorenzo destaca que esta nova "estratexia" conta con seis liñas básicas, que inclúen un pacto pola cultura, e 34 obxectivos estratéxicos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2019 | Actualizada ás 16:03

Comparte esta noticia

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, compareceu este xoves no Parlamento para explicar os últimos pasos de tramitación da Estratexia da Cultura de Galicia (ECG21), unha folla de ruta do Goberno galego para impulsar este sector durante os próximos anos a través de seis liñas básicas e 34 obxectivos estratéxicos.

Durante a súa intervención, Lorenzo lembrou que esta é "a primeira vez que o Goberno galego elabora unha estratexia específica dirixida ao ámbito da cultura", que parte de "unha reflexión entre todos os axentes" do sector e que busca enfocar a cultura tanto como servizo básico como polo seu valor económico.

Tras esta comparecencia, o director xeral avanzou que nos próximos días publicarase na páxina web www.cultura.gal o anteproxecto de estratexia e abrirase un prazo de dúas semanas para a consulta e a realización de achegas. A iniciativa, destacou Anxo Lorenzo, parte dun "amplo consenso" no que, nos últimos tempos, participaron case medio milleiro de persoas relacionadas coa cultura en reunións e grupos de traballo que suman unhas 85 horas de discusión.

SEIS LIÑAS BÁSICAS

O plan, indicou, articúlase en seis liñas estratéxicas "absolutamente consensuadas", que pretenden ser unha "declaración de intencións sobre as prioridades das políticas culturais" en Galicia.

Así, en primeiro lugar, se aposta polo establecemento dun pacto pola cultura galega, que fixe a idea de que este ámbito é "algo compartido por toda a sociedade" no seu conxunto; así como polas medidas de consolidación das industrias culturais e creativas de Galicia, un "valor socioeconómico fundamental".

Outra das liñas estratéxicas será o "impulso á creación, a difusión e a innovación da cultura", coa idea de "estimular todas as fases que conforman o ciclo cultural"; ademais do fortalecemento da función social das institucións e entidades da cultura. Finalmente, a estratexia márcase como liña a "valoración do patrimonio cultural de Galicia como un recurso vivo e accesible" e o "posicionamento internacional" dos creadores galegos.

OBXECTIVOS ESTRATÉXICOS

Estas liñas básicas articúlanse en 34 obxectivos estratéxicos que pasan pola sensibilización e a participación social, a aposta polos equipamentos e servizos culturais, a obtención de maior coñecemento sobre a cultura galega ou o impulso á dixitalización.

Así mesmo, a Xunta aposta por traballar polos sectores emerxentes da cultura, polo fortalecemento da profesionalización das industrias culturais, pola captación e fidelización de públicos e por impulsar a Cidade da Cultura.

Entre os obxectivos estratéxicos tamén están meidas para bibliotecas, arquivos e museos, así como para fundacións culturais, para a potenciación da catalogación e conservación de bens patrimoniais e para a internacionalización de creadores, tomando como eixos o Camiño de Santiago, a Galicia exterior ou a lusofonía.

ACCIÓNS CONCRETAS

Na súa quenda de réplica, os partidos da oposición agradeceron a Cultura a conformación desta estratexia, aínda que afearon que non haxa "accións concretas" nas que se materializarán as liñas estratéxicas.

Así, a deputada do BNG Olalla Rodil reclamou coñecer as "medidas concretas" que expón a Xunta, á que acusou de presentar un documento "moi xeral". Do mesmo xeito, viu un "peso excesivo da visión mercantilista" da cultura e afeou que "non se mencione nin á Agadic nin á CRTVG".

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura
Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura | Fonte: cultura.gal

Na mesma liña, Concepción Burgo tamén botou en falta as "medidas" concretas nesta estratexia que, na súa opinión, contén só formulacións xerais cos que "é difícil estar en contra". "Estamos a favor, pero queremos saber como se van a materializar estes obxectivos tan xerais", dixo a deputada socialista, que explicou que non se inclúe "nada sobre a cultura de base" ou sobre a "avaliación de resultados".

Durante a súa quenda, a deputada de En Marea Anxos Cuña chamou a atención sobre "o desequilibrio" existente na consellería entre cultura e turismo, a favor deste último e incidiu na "precariedade" e "inestabilidade" que afectan o sector cultural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ergai

A vosa estratexia é rematar con ela, cínicos do Xacobeo e da paparota con orquestra de pachanga.