"+G debe crear un partido dentro do BNG"

Camilo Nogueira insiste en que Máis Galiza debe facer valer a metade de apoios que conseguiu na asemblea para "preparar ao BNG para gobernar Galiza". Entrevista de GC co histórico líder nacionalista.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 24/02/2012 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Vostede foi sindicalista, liderou Unidade Galega, foi deputado e europarlamentario...Con esta longa traxectoria no nacionalismo, como está a ver o que acontece no BNG?

None

O que sucede agora no BNG é o último resultado dunha crise comezada en 2001 cando ainda mantiña a condición de primeira forza da oposición e unha situación particularmente boa  en alcaldias, as Cortes e no Parlamento Europeu. Nese momento en lugar de facer un alto no camiño e reflexionar sobre o estado da sociedade galega, do Estado español, da Unión Europea e do mundo co obxectvio de potenciar ao nacionalismo galego como alternativa de Governo,  provocóuse unha crise interna que derivou no declinio que coñecemos. 

 

É ben sabido que unha parte do BNG apoiou unha candidatura alternativa á Presidencia do Governo Galego que,  encabezada por  min, se enfrentou a unha maioría que non quixo compreender o que pasaba ou non lle preocupaba o que podía pasar. 

 

E por que formou parte da alternativa de Máis Galiza e EI na pasada asemblea?

Porque foi a forma de manifestar que dentro do BNG existe  outra forma compreender e traballar polo pleno autogoberno nacional desde os valores da esquerda e outro xeito de ver a Galiza como nación no mundo. Sabendo que hoxe a sociedade galega está máis concienciada sobre a cuestión nacional, que a pesar da marxinación na política e na estratexia económica do Estado dispón dunha capacidade económica capaz de sustentar o autogoverno, que ten  unha língua nacional falada pola maioría que goza n ademais un carácter intercontinental; se así o decide, Galiza pode ser recoñecida como unha nación na UE, na Europa sen fronteiras. 

 

Cre que cambiou algo desde ese cónclave?

Creo que sí. A candidatura alternativa conseguía praticamente a metade dos apoios nunha Asemblea Nacional que contou con mais participación que nunca.

 

Con todo a APU foi a vencedora, cre que é posible a convivencia interna?

Coido que alternativa por un novo proxecto común que tivo tan grande apoio debe organizarse internamente e na sociedade de acordo co defendido na Asemblea e  sen ningúnha limitación, contribuindo a preparar ao BNG para gobernar en Galiza pola liberdade, a xustiza e a igualdade. 

 

A saída de EI

 

E que opina da saída de EI do BNG?

Non me corresponde a min opinar sobre a decisión que tomaron eses compañeiros

 

 

Tamén EG e o PNG-PG manifestaron a súa intención de abandonar esta fronte...

Penso o mesmo.

 

Partido dentro do BNG

 

E que pensa que debe facer agora Máis Galiza?

Os seus dirixentes manifestaron a intención de constituirse en partido político dentro do BNG, materializando a idea da existencia duas grandes correntes internas, respeitando calquera outra e en todo caso aos direitos iguais dos militantes independentes. 

 

Nas últimas semanas dirixentes da UPG estiveron falando con alcaldes e con destacados militantes. É certo que Paco Rodríguez falou con vostede? e de que falaron?

Como se pode compreender, a estas alturas e sabendo que todos temos muito que aprender dos demais, non preciso falar demasiado  para decidir sobre o que teño que facer.  

 

Beiras e Rodríguez

 

Vostede os coñece ben, sempre se falou de que a tensa relación entre Beiras e Paco Rodríguez é, en parte, a causa da situación actual. Cre que isto é certo?

Como é sabido nunca participei nesa relación. 

 

Cre que a situación interna que vive o BNG vai ter consecuencias electorais?

Espero que todo o mundo aprenda do sucedido e que isto  sirva para superar a crise e para impulsar a alternativa de Goberno nacionalista e da esquerda que Galiza necesita. 

 

E vese vostede no futuro noutro proxecto político que non sexa o BNG?

Penso que o contestábel ante a pergunta está no que xa dixen anteriormente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 72 comentarios

24 Xanti

Aymerich vai quedar de todas todas http://www.farodevigo.es/galicia/20... É unha parvada, os que queren marchar van marchar, e os que queren quedar van quedar; quedará Aymerich e pouco mais. Craso erro.

23 Antonio

Querido Camilo, de verdade cres que se pode cambiar algo dende dentro do BNG?. A proba teila na asemblea de Amio, case....pero o final nada. A UPG ten todo atado e ben atado, que para iso controla o aparato e ten todos os liberados a suleo para moverse e levantar a man cando llo ordea. Unha sorte de oficina de colocación. O BNG acabouse como casa común do do nacionalismo galego, éche o que ten "clarificar" tanto, que ao final sobra xente. Carlos Aimerich debería de deixar de encerellar e dicir claramente que marcha, xa verías ti como algúns tremian do acojone, pero, non sei a que xoga.Hai que crear algo novo fóra do BNG, e comezar canto antes, con calma, con tempo e sobre todo con moita xenerosidade e dende a base. Estou convencido que o Pais está agardando por iso. Desgrazadamente dende hai ben tempo hai máis nacionalistas fóra do BNG que dentro, e votantes na abstención, nin che conto. Saúde.

1 craso

os liberados do BNG que están en Mais Galiza tamén se moven e levantan a man cando llo ordenan?7jZ

22 Sesky

+ G creou un problea ao convocar a asamblea nunha data tan tardía. O problema que hai é que entre tanto a UPG-BNG ten tempo de andar cos cantos de sirea enredando á militancia e cargos de +G. Xa veredes como en + G non remantan ben. Por certo mirade o que di Aymerich: http://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/02...

1 anonimo

Humildimente e desde a base, se a cousa é cuestión de postos,que se queden.

21 Xanti

Camilo que te fas conservador. Non se lle pode ter en conta isto, sempre foi unha persoa que actuou de boa fe e se di iso é porque pensa que é o mellor; non podo dicir o mesmo dos que tanto o insultaron e agora andano a gabar, no que concerne a actuar de boa fe.

1 camilista

Camilo se tivera dez anos menos xa non tiña aguantado tanto.Pois non creou el siglas!: Esquerda Galega, POGA,Unidade Galega. Eu penso que xa non entrou de boa gana.

2 Roi Xordo

Cabdo Camilo creou siglas nos anos 80, no nacionalismo galego non había nada serio construído. Todo era miseria electoral. Agora, pola contra, hai moito construído, e polo tanto moito que derruír, e Camilo considera que é de tolos derrubar o tan arduamente erguido, cousa coa que concordo.

3 camilista

Pois si é polo termómetro electoral, o BNG cada ten e terá menos votos. A xente xa non confía no BNG. A proba é que o BNG baixa e EU sube. A de votos que se levan perdido é unha sangría, aínda que os seus dirixentes a disfracen falando de porcentaxes.

4 Xanti

Eu tampouco sube grande cousa, defeito o intento este de Beiras definitivamente vai escangallar a EU no país. Pero a UPG que se quite a careta, fai o que quere no BNG, se tanto lle molesta e desprotica de todo o mundo que se presente soa, non sei porque agora todos os upegallos que rexeitaban insultaban aos "rexional-quintanistas" agora din que son moi bos. Manda carallo, ca U nunca mais nunha formación. Pero si que é certo que compre algo mais centrado do que propugna Beiras, por iso coido que hai xente que non acredita no que está a facer EI (as bases do PNG non queren saber nada de EI, pero non lle fan ascos a +Galiza).

20 T.Mourido

Camilo, somos moitos os que te admiramos e no seu dia te apoiamos dándoche o voto. Pero hoxe, por primeira vez, non tes razón. Creo que, como é normal, che pesan máis as emocións que a razón á hora de actuar. Aperta