Compostela Aberta denuncia un pacto entre PP e PSOE para aprobar os soldos dos concelleiros en Santiago

Haberá dez adicacións exclusivas para o PSOE, dúas para PP, 1,64 para CA e outra para o BNG.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/06/2019 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

O goberno do Santiago de Compostela lanzou unha proposta na que reserva dedicacións exclusivas a todos os seus integrantes --o alcalde máis nove edís--. Ademais, inclúe dous para o Partido Popular, unha e media (1,64) para Compostela Aberta e outra para o BNG. Unha repartición dos soldos municipais que CA considera que é froito dun pacto entre socialistas e populares.

Diso informou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, en declaracións aos medios tras a reunión da xunta de portavoces do Concello, na que sinalou que prevé convocar o vindeiro venres ás 10,00 horas o pleno no que quedarán definidas tanto as comisións informativas como os órganos de funcionamento da administración local.

Na súa comparecencia, o rexedor asegurou que esta proposta é "moi similar" á que funcionou na corporación anterior tendo en conta que as principais diferenzas son que o Partido Popular ten media dedicación exclusiva menos e o goberno se reserva unha máis.

Bugallo precisou que o feito de que todos os integrantes do seu goberno se reserven unha dedicación exclusiva non significa que vaian exercer esta posibilidade xa que unha das edís, Milagros Castro, poderá optar a gozar desta condición por parte da Deputación da Coruña. "Vai ter posibilidade de contar con dedicación exclusiva na deputación. Outra cuestión é que nós consideremos oportuno que a teña ou entendamos que debe ser o en Concello de Santiago", precisou.

CAMBIOS NAS COMISIÓNS INFORMATIVAS

Ademais, informou de varios cambios nas comisións informativas, nas que se eleva de dúas a tres o número de concelleiros de cada grupo que pode participar en cada reunión. O alcalde, que cre este feito non suporá un aumento do gasto, explicou que a petición partiu do PP e que o voto dos representantes será ponderado.

Na súa intervención, o rexedor socialista sinalou que o acordo está pechado co Partido Popular e o BNG. Pola súa banda, manifestou estar á espera de resposta por parte de Compostela Aberta. "Mantéñense os termos económicos da anterior corporación", destacou Bugallo, que precisou que, a dedicación exclusiva que aumenta o PSOE non podería entrar en vigor polo momento. "É unha reserva que establecemos para máis adiante", apuntou.

Por último, o rexedor socialista informou de que na xunta de portavoces abordouse o persoal eventual co que cada grupo poderá contar aínda que esta cuestión, que é competencia da xunta de goberno, non quedou pechada á espera de recibir propostas.

CRÍTICAS DE COMPOSTELA ABERTA

A proposta presentada polo alcalde xerou as críticas do portavoz de Compostela Aberta, Martiño Noriega, quen considerou que as condicións presentadas por Bugallo "constatan" un pacto entre o PSOE e o PP para "desbloquear" o pleno de constitución do próximo venres.

"Nós analizaremos a proposta e fixaremos petición de voto no seu momento pero non podemos facer unha avaliación positiva cando tendo 3.000 votos máis que o PSOE fai catro anos e tendo un edil máis, os recursos son os mesmos que os que tiña o PSOE fai catro anos", censurou.

Neste sentido, Martiño Noriega considerou que "non existe vontade de recoñecer a representación do Compostela Aberta". "No momento no que se pacta co PP, non hai máis nada que falar", criticou.

VISTO E PRACE DO PP

Pola súa banda, o portavoz local do Partido Popular, Agustín Hernández, considerou que a proposta do alcalde "encaixa perfectamente coas formulacións e a idea que tiña" o seu grupo e precisou que "o lóxico" é que el mesmo --como portavoz-- conte con dedicación exclusiva e que se reserve a restante para Alejandro Sánchez Brunete.

Deste xeito, sinalou que a configuración do pleno é similar ao da pasada lexislatura polo que a situación da corporación ten que ser "similar" ao da anterior. "Estamos de acordo en celebrar canto antes o pleno de organización e, a partir do venres, dedicarnos ao traballo diario do concello", apuntou.

POSTURA DO BNG

A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, destacou que estudará a proposta inicial do alcalde sobre as dedicacións exclusivas, persoal asesor e representación dos grupos políticos nas comisións e organismos.

"O BNG mantense nos termos que tiña ata agora, a pesar de ter un número de incremento de voto o número de edís é o mesmo, e o que se propón é fixar o que había na etapa anterior para non crear unha distorsión desde o punto de vista orzamentario", sinalou.

O alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, nunha rolda de prensa
O alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, nunha rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Cirigaitas

Martiño...póña-se a Peparar as Oposicións de Médico de Familia e deixe de "Marear".......