O drama da dura política demográfica do Goberno chinés

As voces da Auga, de Ánxela Gracián, tenta recrear a política demográfica da China, que obrigaba a ter só un único fillo único, en prexuízo das mulleres.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 27/06/2019 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

“Un día, hai xa uns cantos anos, os meus ollos ávidos de coñecemento viaxaron ao Sur da China, ata ese pequeno territorio habitado pola etnia zhuang, nas beiras do río Li. A guía turística ofreceunos unha visita aos arrozais para coñecer o modo de vida do campesiñado”, apunta Ánxela Gracián sobre o seu contacto co país asiático. Un mundo exótico, pero diferente e moi complicado, que a escritora e traductora recolle en “As voces da auga”, a obra gañadora ex aequo do VIII Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil (2018) de Editorial Baía Edicións.

“Nunha das aldeas un home octoxenario, que ben podería terse chamado Wei Su, movido talvez pola necesidade de gañar uns cantos yuans, ou non, nunca o saberei, colleume da man con amabilidade e levoume a visitar a súa precaria vivenda. Sobre a súa cama de ladrillo, colgada dunhas cordas, estaba un cadaleito de madeira decorada no que, segundo me dixo, desexaba ser soterrado nunhas exequias dignas. Os nosos ollos encontráronse e a súa mirada fonda de ser de terra guioume todos estes anos de documentación e busca para poder contar a súa historia”, relata.

As voces da Auga, de Ánxela Gracián, editada por Baía Edicións
As voces da Auga, de Ánxela Gracián, editada por Baía Edicións

As voces da auga relata unha historia de supervivencia e de aposta pola vida nun contexto histórico especialmente complexo, máis alá dos convencionalismos. Segundo o tribunal que lle outorgou o premio, As voces da auga destaca pola calidade de lingua empregada, a orixinalidade da proposta e “o intenso labor de recreación dunha sociedade xeográfica e culturalmente tan distante como a chinesa”.

Impactada pola política demográfica do Goberno chinés, que obrigaba a ter só un único fillo único, Ánxela Gracián tentou recrear na súa obra ese drama. “Por elas, por todas esas nenas abandonadas en calquera recanto do mundo, tanto as que non se lles concede dereito á vida como as que carecen de dereitos, escribín esta historia”, apunta.

Nestes días, a autora, acompañada da directora editorial de Baía Edicións, Belén López Vázquez, e distintos críticos e escritores están presentando a obra en distintas puntos da xeografía galega. O venres, ás 20.30, en Ribeira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta