A tempada de alto risco de incendios iníciase o luns con 7.000 efectivos e a prohibición de queimas

Ademais, cóntase cunha trintena de medios aéreos e 360 motobombas da Administración autonómica, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2019 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

A campaña de alto risco de incendios forestais iniciarase este luns 1 de xullo en Galicia e estenderase ata o 30 de setembro, co que se suspenden todos os permisos de queimas agrícolas e forestais. A partir do luns refórzase ademais o dispositivo establecido no Plan de Prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga 2019. Este ano, como nas últimas campañas, o operativo de verán estará integrado por uns 7.000 efectivos, entre persoal da Xunta, Concellos, Ministerio, Exército e forzas e corpos de Seguridade do Estado.

Ademais, cóntase cunha trintena de medios aéreos e 360 motobombas da Administración autonómica, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos, segundo precisou nun comunicado a Consellería do Medio Rural. Todos os efectivos humanos e materiais iranse incorporando de forma progresiva.

A época variable de incendios comprende tamén os meses de xuño e outubro, ademais dos de febreiro, marzo e abril. Por este motivo, refórzanse eses dous meses con persoal fixo-descontinuo, que o pasado ano traballou 4 meses e neste 2019 aumentará o seu despregamento ata os 5 meses.

TELÉFONO DE DENUNCIA DE CONDUTAS INCENDIARIAS

A prohibición das queimas agrícolas podería prolongarse máis aló do período de alto risco de incendios en función das condicións meteorolóxicas. Ademais, este ano, como novidade, estará operativo o número de teléfono anónimo e gratuíto de denuncia dos incendiarios. Trátase do 900 815 085.

A Xunta pediu á sociedade galega que manteña o seu compromiso na loita contra a actividade incendiaria e denuncie posibles accións a través deste servizo ou das forzas e corpos de Seguridade do Estado. A maiores, estará dispoñible o teléfono gratuíto 085 para alertar ante posibles incendios forestais.

Incendio forestal este luns na Serra de San Mamede. REMITIDA - Arquivo
Incendio forestal este luns na Serra de San Mamede. REMITIDA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta