Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2019 | Actualizada ás 17:04
A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos (ADEN) colaboran para a correcta xestión dos residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEE) que son xerados nos concellos galegos para "concienciar e informar" á cidadanía sobre a reciclaxe destes.
Segundo informou Fegamp mediante un comunicado, este martes enviou a todos os concellos galegos material divulgativo para "informar á cidadanía sobre a correcta reciclaxe dos aparellos eléctricos e electrónicos" e para comunicar "os distintos puntos de recollida de residuos existentes en Galicia".
Desta forma, a veciñanza saberá que dispón de varias alternativas para entregar aparellos vellos, como as opcións que ofrecen as entidades locais a través dos puntos limpos fixos ou móbiles aos que os usuarios poden acudir para depositar estes dispositivos. Outra nova alternativa que ofrece a vixente lexislación é a de acudir aos puntos de venda de aparellos eléctricos ou electrónicos para reciclalos, segundo explicou o organismo.
DISTRIBUIDORES
No caso de que os distribuidores dispoñan dunha zona de venda para aparellos eléctricos e electrónicos cunha superficie mínima de 400 metros cadrados, estes estarán obrigados a realizar a recollida gratuíta de dispositivos de pequeno tamaño --que non teñan ningunha dimensión exterior que exceda os 25 centímetros-- e sen necesidade de adquirir un novo.
Por outra banda, os distribuidores "teñen a obrigación de recoller o RAEE de calquera tamaño, con independencia da superficie da zona de venda cando os usuarios adquiran un novo aparello doméstico equivalente ao que se entrega".
Xunto co material divulgativo tamén se enviou aos concellos unha enquisa co obxectivo de "coñecer con maior detalle o funcionamento dos puntos limpos municipais na recollida de residuos" para poder mellorar a actividade como "centros de recepción e almacenamento selectivo destes residuos de procedencia municipal".
Ambas as entidades buscan a colaboración entre as administracións locais e os comercios de proximidade do sector dos electrodomésticos co obxectivo de "camiñar cara á economía circular".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.