Máis dun millón trescentas mil persoas benefícianse dos proxectos de Afundación

A Obra Social de Abanca presenta a súa memoria anual, tras investir 30,25 millóns de euros en 2018 en actividades educativas, culturais, de voluntariado e de envellecemento activo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/07/2019 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

Afundación, a Obra Social de Abanca publica a súa memoria 2018 na que se recolle a súa consolidación como primeira fundación galega nos seus ámbitos de actuación, pola súa repercusión tanto no tecido social como cultural de Galicia, que alcanzou o pasado ano a máis dun millón trescentas mil persoas como beneficiarias dos seus proxectos, isto é, case a metade da poboación galega. Durante este período, Afundación contou cun orzamento de 30,25 millóns de euros.

Voluntariado Afundación.
Voluntariado Afundación.

O proxecto de Afundación susténtase sobre os principios da sustentabilidade do medio ambiente, o compromiso social, a innovación e a internacionalización. Así, subliña Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación, "toda a nosa actividade está permeada polos fundamentos esenciais dunha institución socialmente comprometida; de cara ao peche do plan estratéxico en vigor, e ao enfrontar a nova planificación para o seguinte período de aplicación, continuamos, desde hoxe, pensando en futuro, poñendo a nosa vontade, ilusión e recursos ao dispor da sociedade".

AS TRES ÁREAS ESTRATÉXICAS DE AFUNDACIÓN EN 2018

No ámbito da Educación Superior e o coñecemento, un dos tres eixos estratéxicos da Obra Social de ABANCA, en 2018 formáronse en IESIDE máis de 6000 estudantes, consolidando unha porcentaxe de empregabilidade do 96% en menos dun ano. Neste período desenvolveuse un intenso proceso de renovación e innovación en metodoloxías de ensino-aprendizaxe, tecnoloxías educativas, procesos, dispositivos e instalacións e consolidáronse as colaboracións con prestixiosas institucións de educación superior de Europa, Asia e América, estendendo a internacionalización do proxecto, cun incremento do 49% no número de estudantes con perfil internacional. Ademais, asináronse 85 convenios de formación coas principais empresas e organizacións empresariais galegas e outorgáronse 85 bolsas de excelencia académica. Así mesmo, IESIDE liderou en 2018 as enquisas de satisfacción da Universidade de Vigo, elaboradas a partir da opinión dos seus estudantes que o situaron como o centro mellor valorado da universidade.

A frutífera experiencia de IESIDE e o obxectivo estratéxico de contribuír á dinamización do coñecemento motivaron que en 2018 presentásese á Xunta de Galicia a proposta de creación da Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), a primeira universidade privada do noroeste e a única en España especializada no ámbito empresarial, cunha variada oferta interdisciplinar de calidade e unha forte orientación internacional.

Un proxecto educativo que Afundación desenvolve tamén nos seus dous centros de formación profesional, o Colegio Hogar Afundación e o Centro de Formación Profesional Afundación A Coruña, onde máis do 70% dos estudantes que realizan prácticas obteñen emprego; na Escola Infantil Afundación Zalaeta e nas súas catro bibliotecas, que utilizaron neste período máis de 180.000 persoas.

No seu segundo eixo estratéxico, a promoción do Envellecemento Activo, Afundación reafirmou en 2018 o seu liderado en Galicia, desenvolvendo novos proxectos de investigación e formación para coñecer mellor os perfís das persoas que están nesta etapa vital e ofrecerlles propostas que melloren a súa calidade de vida e benestar. No contexto da coñecida como revolución da lonxevidade Afundación desenvolve unha innovadora programación que sitúa á entidade como un axente relevante no impulso do envellecemento activo, ofrecendo na súa rede de centros denominados  Espazos +60, 11 en total, oportunidades de crecer persoalmente, de achegar á comunidade, de formarse e conectar coa actualidade, á vez que se desenvolven hábitos de vida saudables e mantense unha rede de relacións dinámica. En 2018 superáronse as 14.000 persoas socias, o que representa un incremento do 7 % respecto ao período anterior, cun significativo aumento da participación, do 15%, en todas as actividades que se promoven.

Así mesmo, dentro da prioridade estratéxica de identificar e desenvolver oportunidades para poñer en valor o talento e a experiencia vital e profesional do colectivo sénior, e de maneira particular para favorecer o intercambio cos mozos e o enriquecemento mutuo, Afundación incorporou en 2018 o seu proxecto « Falemos da escola», desde a experiencia do programa « Fálame da emigración» ao que se suman outras actividades interxeracionais, nas que participaron como voluntarias 584 persoas maiores.

No ámbito da Cultura, a Obra Social de ABANCA consolídase como un dos principais axentes dinamizadores da vida sociocultural en Galicia, con cifras récord de participación nas actividades programadas. Así, en 2018 máis de 200.000 persoas visitaron as exposicións de Afundación, 127.000 asistiron ás propostas de actividades escénicas e máis de 11.000 acudiron aos ciclos de cinema. Seguindo o obxectivo prioritario de Afundación de innovar en todos os ámbitos, en 2018 iniciouse no marco da mostra «Sonoro Empeño. A música nas coleccións ABANCA e Afundación» un novo proxecto multidisciplinar que leva a programación máis aló da propia exposición, fóra dos espazos tradicionais e que supera a súa concepción estática e tradicional. Así mesmo, Afundación programou 17 exposicións dentro do proxecto «Corrente cultural», que ten como obxectivo estender as accións culturais a distintas poboacións, fóra das principais cidades galegas.

Ademais, case 120.000 escolares participaron nas actividades didácticas, co obxectivo de complementar o ensino académico, cuns programas que conxugan o lúdico e o formativo co fortalecemento de valores. Co fin de estender a súa actuación neste ámbito a toda a comunidade educativa, familias e docentes, en 2018 a entidade continuou co programa «Educación Século XXI», coa organización de trece conferencias centradas nas novas metodoloxías e ferramentas ao servizo da educación e da pedagoxía; a xenética, bioloxía e neuroloxía aplicadas á educación ou os beneficios e riscos das novas tecnoloxías, nas que participaron case 2500 persoas. Unha proposta cultural que se complementa con cursos, ciclos de cinema, premios e certames ou edición de publicacións, entre outros.

Por outra banda, en 2018 o Voluntariado constituíuse como unha das principais liñas estratéxicas de Afundación. O programa que iniciamos neste período aspira a ser unha ponte de cooperación entre ABANCA, a súa Obra Social e as institucións que conforman as diferentes dimensións da sociedade, atendendo a actividades relacionadas coa diversidade, a sustentabilidade e as boas prácticas. Con motivo dos grandes incendios sufridos en outubro de 2017, a reforestación converteuse en 2018 no eixo central do voluntariado de ABANCA e a súa obra social, Afundación, coa plantación de 6995 árbores e importantes actividades de limpeza nos montes afectados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta