As escolas unitarias: unha oportunidade de avivar o rural que se está desaproveitando

O verán é o momento no que moitas escolas unitarias do país se formulan volver abrir as súas portas para o próximo curso. O GC fala coas mestras rurais Alicia López e Alonso Barreiro Caxade sobre as potencialidades destas escolas, o que supón a súa perda para a comunidade rural e o que hai que reconsiderar no modelo educativo imperante. Da outra banda, dúas nais contan por que apostan polas unitarias para escolarizar os seus nenos.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 19/07/2019 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

Case todas as noticias que envolven dende hai tempo as escolas unitarias teñen que ver co seu peche ou coas loitas da veciñanza por mantelas vivas. En pouco máis dunha década, a Consellería de Educación botou o ferrollo a máis de 200 unitarias ao longo do país. Estes centros educativos, que teñen como principal característica a de xuntar alumnado de diferentes idades, son a diana da Xunta todos os cursos académicos no marco dun proceso de concentración e centralización dos colexios. Trátase dun círculo vicioso do que semellan non dar fuxido: a poboación das aldeas diminúe, as unitarias pechan, os espazos vólvense menos dinámicos e, entrementes, o rural segue esmorecendo. Mais a raíz é unha soa: a falta de vontades.

Escola unitaria de Sedes, pertencente ao CRA de Narón
Escola unitaria de Sedes, pertencente ao CRA de Narón | Fonte: Alfonso Cebral

Por que morren as unitarias? Que supón o peche da escola para unha comunidade rural? Como facer fronte a esta perda? Que hai que reconsiderar no modelo educativo imperante? Que outras posibilidades hai? Nesta reportaxe falamos con Alicia López Pardo, unha mestra cun longo percorrido por escolas rurais e unitarias de Galicia e Canarias, membro do Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega e representante na Mesa Galega de Educación no Rural. Tamén conversamos con outro dos referentes na defensa da escola rural en Galicia, Alonso Barreiro Caxade, mestre do colexio de Barouta, a onde levou o modelo das unitarias logo de traballar en dúas delas: no Castro (Parada, Ordes) e en Lañas (A Baña). Da outra banda, falamos con dúas nais, Sara García e Laura Bello, que decidiron levar os seus fillos ás escolas unitarias de Sedes (Narón) e Olas (Mesía), respectivamente. 

AS POTENCIALIDADES EDUCATIVAS DAS UNITARIAS

"Con motivación e formación pode resultar a escola idónea"

O multinivel e o traballo 'en' e 'para' a comunidade son valores que definen o senso das unitarias. Alicia López chámalles, de feito, "minicomunidades de aprendizaxe". Neste tipo de escolas unha única mestra ou mestre encárgase duns cantos nenos de diferentes idades que aprenden a través dun traballo personalizado á vez que de grupo e colaborativo. Para Alicia, "con motivación e formación pode resultar a escola idónea, porque o ten todo: ubicación na propia vida do neno e da familia, proximidade, interacción familiar, calidade afectiva...". O traballo co alumnado e a relación entre a rapazada dáse nestes lugares "coma na vida mesma", explica Caxade: "nós ímonos relacionando socialmente, laboral, musical ou deportivamente con xente que ten as mesmas afeccións ou capacidades ca nós, non nos asociamos dependendo da idade. Só segue ese modelo antinatural o exército e a escola". 

Escola unitaria de Sedes, pertencente ao CRA de Narón
Escola unitaria de Sedes, pertencente ao CRA de Narón | Fonte: Alfonso Cebral

Pero se ben é antinatural, é o modelo estendido e instaurado na sociedade, e polo tanto, o que funciona de xeito máis automático. Con todo, a maneira de traballar das unitarias tamén podería levarse aos grandes centros educativos, e boa mostra diso é a escola de Barouta que dirixe o propio Caxade. Aínda sendo un colexio afastado do que é unha unitaria en canto a dimensións -ten 270 nenos e nenas e 22 docentes-, o mestre conta que traballaron por achegarse ao modelo. Así pois, o alumnado de infantil e primaria vaise agrupando por "ambientes de aprendizaxe e non por idade". Ademais, tamén recolleron esa intención de manter unha comunicación fluída cos pais e nais para crear certa comunidade. 

Nun centro o mestre adoira "falar dende o saber", mentres que na escola unitaria se fala "dende a parte máis humana"

Segundo Caxade, o rol do mestre tamén muda dunha escola unitaria a outra máis grande. As dúas palabras clave que definen o traballo dun docente de unitaria son "alerta e acompañamento". "Todo o que ti fagas vai ser un espello e unha mostra para o alumnado". Pola contra, nun centro escolar o mestre adquire un posicionamento de "tarima", de "palestra", que "fala dende o saber". "Na escola unitaria falamos dende a parte máis humana: somos guía e coordinadores do coñecemento, acompañantes dese proceso de aprendizaxe", fala Caxade.

Para Alicia as unitarias "sempre foron referencia nas boas prácticas, modélicas na innovación educativa nos tempos pioneiros". Por iso, apela a mirar atrás para fundamentar a escola de hoxe, chama a pousar os ollos sobre os métodos aplicados ao longo dos 60, 70, 80 e 90 e a remontarse ás históricas loitas que ten habido no país pola defensa da escola rural, "que custaron grandes desquites a moitos mestres". Loitas nas que ela sempre estivo implicada. A súa primeira experiencia foi nunha escola da montaña, nos Prados (Cervantes, Os Ancares), onde fixo "amizades eternas". Logo trasladárona a Canarias e atopouse coa mesma situación ca aquí: "un plan de escolarización nefasto e desatinado que consistía en concentrar os nenos e suprimir as pequenas escolas". Tanto alí coma aquí loitou, entón, pola descentralización dos macrocolexios. 

UNHA POLÍTICA EDUCATIVA QUE CAMIÑA NO SENTIDO CONTRARIO

"A Administración partiu dun concepto de economía equivocado"

Nas unitarias cambia o xeito de aprender e de relacionarse co entorno. En moitas delas os cativos plantan a súa propia horta e interaccionan con esa cultura da comunidade mesma na que naceron. Implícanse nela cos recursos do propio medio. "Ofrecen posibilidades moi diferentes e teñen un potencial grandísimo", pensa Alicia. Mais o certo é que as tendencias educativas da administración sempre foron á contra do sentido das unitarias: "Partiron dun concepto de economía equivocado" que implicaba a creación de grandes colexios, a centralización da rapazada e masificación dos servizos educativos.

Agora os nenos e nenas que viven nas aldeas, normalmente, escolarízanse na vila. "Levamos pelexado moito por eliminar eses macrotransportes que non sei en que os fundamentan. Os nenos pasan por diante da que sería a súa escola para ir a un grupo", critica a mestra. A política educativa no noso país foi, en palabras de Alicia, "desastrosa". O xeito de velo de Caxade non dista moito deste: "se os movementos demográficos e a demarcación do territorio se fixesen atendendo realmente a un interese por dotar de recursos as zonas rurais, xa nin estariamos falando disto. Pero tenden a urbanizar aquelas zonas máis urbanizadas, o que vai na liña contraria das escolas unitarias".

"Aínda que a natalidade sexa desastrosa, hai que manter o que hai onde lle corresponde"

Unha das decisións políticas que máis incidiu no declive das unitarias foi a supresión da primaria. Mentres que no resto de comunidades do Estado se mantén, en Galicia impulsaron xusto o contrario. "Levaron a primaria para os centros e venderon máis calidade no grupo", conta Alicia. O principio da fin. Se ben ao comezo a meirande parte das escolas permitían a matrícula de nenos de tres a doce anos, agora ao que rematan infantil deben partir para o colexio centralizado. Esta medida provocou que unhas unitarias cerraran e outras quedaran na corda frouxa. "A administración provoca inestabilidade, acelera os peches en vez de dar marxe. Non hai quen os mova dese esquema de sistema educativo". Dende a Rede do Rural levan tempo intentando un diálogo coa Consellería de Educación para propoñer novas fórmulas, pero "segue moi pechada, nin nos recibe nin nos escoita". A mestra ten claro que "aínda que a natalidade sexa desastrosa, hai que manter o que hai onde lle corresponde", cousa que "nunca se fixo", e segue sen facerse agora, "en momentos límites".

DINAMIZAR O RURAL A TRAVÉS DA ESCOLA

"Se as familias seguen facendo presión, as unitarias seguirán vivas"

Segundo Caxade, o mantemento das escolas unitarias pasa pola confluencia de tres vontades: a do profesorado, a política e lexislativa e a da familia, sendo esta última, quizais, a máis forte: "Se as familias seguen facendo presión, as unitarias seguirán vivas". E se elas seguen vivas, o rural manterase dinámico. "Díxose toda a vida: o peche dunha escola é a morte dunha comunidade", recorda Alicia. A rapazada queda desarraigada do seu. A escola sempre procura unha retroalimentación no lugar no que se empraza, nútrese da cultura da comunidade, e a comunidade enriquécese da viveza dunha escola.  Di Caxade que cando se perden, con elas marcha o "vinculo social" e o "vínculo coa comunidade, esa comunidade de escola que prendía a estufa, picaba a leña, participaba en festas...". 

Alicia ten visto casos de escolas unitarias a piques de pechar que conseguiron dar unha volta de 360 graos á súa situación e convertérense en proxectos modélicos. Recorda en concreto unha escola dun pobo catalán que acabou tendo máis de cen rapaces, moitos deles que viaxaban ata alí dende a propia Barcelona capital. Cousa semellante lle aconteceu en Vixoi (A Coruña). "Atraídos por aquel modelo de escola que eu daba, viñan nenos ata da cidade da Coruña, nenos que escapaban da urbe". Son casos que demostran a posibilidade de converter as unitarias de novo en referencias. Quizais deberían ser vistas como unha oportunidade: "hai moita xente neorural que se atopa co gran problema de escolarizar os seus fillos nas aldeas". Unha oportunidade que se está desaproveitando porque non se ofrecen garantías.

A ESCOLA DE SEDES (NARÓN) E A ESCOLA DE OLAS (MESÍA)

Estas unitarias son dous exemplos de entre todos os que aínda resisten ao longo do país. A escola de Sedes forma parte do CRA (Colexio Rural Agrupado) de Narón. Estoutro modelo xurdiu, segundo explica Educación, para agrupar baixo unha mesma organización un certo número de unidades - unitarias ou non - situadas en diversas localidades da contorna. A esa unitaria acode todas as mañáns o neno de Sara García, unha nai que conta que escolleron esta opción porque a consideraban a máis respectuosa a nivel emocional e coa maneira de ser do cativo. "Son sete nenos e é un ambiente moi familiar. Ao haber rapaces máis maiores axudan a integrar os pequenos".

Dentro dese mesmo CRA tamén estaba a unitaria do Pedroso, que finalmente pecharon. "Intentamos meter o primeiro curso de primaria, era fácil pero non quixeron", conta Sara. Este ano habería ben nenos para volver matricular, e aínda que a administración se comprometera a abrir de novo se aumentaba a demanda, o Pedroso continúa sen escola. Son feitos que botan para atrás á xente nova: "O cole, no caso dos pais é importante, á hora de decidir onde vas vivir, porque é o sitio ao que vai ir o teu fillo diariamente durante moitos anos... E se no rural non se ofrecen posibilidades, a consecuencia é que a xente se desprace ás cidades". 

"Quería que os meus nenos tamén viviran iso que eu vivín hai anos"

A escola de Olas foi o lugar de aprendizaxe de Laura Bello hai uns cantos anos, e agora do seu fillo máis vello. Neste caso si se mantén parte de primaria na unitaria: nenos de tres a oito anos aprenden xuntos na mesma aula. Laura explica que ela quería que os seus cativos viviran iso que vivira ela tempo atrás. "Aprenden cousas diferentes ca se van a un colexio de moitos nenos. Non só con libros". O seu neno máis pequeniño ten agora catro meses... E, "se non a cerran antes", tamén irá á unitaria de Olas. "Aquí dun día para outro cámbianche todo, pero oxalá siga en pé". 

Desas tres vontades das que falaba Caxade depende que non boten o ferrollo a máis escolas. Alicia ten claras as dúas opcións que restan: "ou optamos por un país co rural vivo ou pola desfeita do país". Nesa balanza o mantemento das unitarias xoga un papel crucial.

Libros e xoguetes na estantería dunha escola
Libros e xoguetes na estantería dunha escola | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta