Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/07/2019 | Actualizada ás 13:27
A Asociación Tralapena sinala nun comunicado que a superficie onde se sitúa a antiga mina de cobre de O Pino-Touro non ten un propietaro definido. Segundo apuntan desde a asociación cultural “a xulgar pola documentación que presentan a empresa Cobre San Rafael e os seus promotores, non parece que teñan claro a quen pertencen a concesión e os dereitos mineiros” en base aos que iniciarían unha explotación de cobre a ceo aberto.
Tralapena apunta que dentro do primeiro documento presentado en relación á propiedade da mina, “Actualización do proxecto de explotación vixente de cobre de Touro”, de marzo de 2017, “pódese comprobar que non son capaces de aclarar a titularidade dos dereitos mineiros e a concesión”. Apuntan tamén que en dito documento se pode ler que “a zona do proxecto sitúase dentro da Concesión de Explotación San Rafael con número de rexistro 2.946 e a súa Demasía cuxo titular é na actualidade Explotaciones Gallegas del Cobre S.L.”
O documento mencionado foi presentado na Xefatura Territorial de Minas da Coruña, e ademais indica que “Cobre San Rafael representa á empresa Francisco Gómez e Cía. S.L. que é unha empresa de continuidade familiar que traballa con medios propios e executa todo tipo de obras”. Non obstante, a Asociación Tralapena indica nun comunicado que “a empresa Francisco Gómez e Cía non é titular de ningún dereito mineiro nin concesión”.
Desde a Asociación apuntan ademais que “se comprobamos a titularidade da devandita concesión no censo mineiro figura “Explotaciones Gallegas SL””. Aínda así “no proxecto presentado indícase: A principios do ano 2012 Explotaciones Gallegas e Minas Metálicas de Noroeste chegaron a un acordo para unificar os dereitos mineiros contiguos que posuían na zona; creando unha nova empresa denominada Explotaciones Gallegas de Cobre S.L.”. O documento mencionado por Tralapena remata indicando que “na actualidade Explotaciones Gallegas del Cobre S.L. é o propietario dos dereitos mineiros.”
Para a Asociación Cultural Tralapena a documentación consultada “confirma que non só non se aclara quen posúe os dereitos mineiros e a concesión senón que, en calquera caso, Cobre San Rafael non é”. Critican que a Administración non siga a lexislación vixente en materia de propiedades mineiras como o Regulamento Xeral para o Réxime da Minería. Así, condenan que a Administración de “seguir enmendando as fallas deste proxecto” mineiro de Touro e O Pino.
Tamén apuntan que “neste proxecto quedan en dúbida e dilúense as responsabilidades e as obrigas, e o grupo Atalaya Mining non parece o mellor aliado para este proxecto, unha multinacional participada por unha empresa de cobre chinesa e unha mineira suíza”. Ademais lembran que “unha recente sentenza do Tribunal Superior de Justicia de Andalucía (TSJA) comunícalle ao Goberno andaluz e á empresa mineira, Atalaya Riotinto (filial da anglochipriota Atalaya Mining), a firmeza da sentenza que anula a súa autorización ambiental”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.