O comité de empresa de Ferroatlántica denuncia unha "segregación encuberta" das actividades

Expresa as súas "dúbidas" sobre a venda da compañía, tras unha reunión entre representantes dos traballadores, da empresa e de Íthaka.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2019 | Actualizada ás 20:03

Comparte esta noticia

O comité de empresa de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas confirmou as súas "dúbidas" sobre a venda da compañía, tras unha reunión levada a cabo este xoves entre representantes dos traballadores, da empresa e de Íthaka, e denunciou unha "segregación encuberta" das actividades.

Concentración traballadores Ferroatlántica. REMITIDA - Arquivo
Concentración traballadores Ferroatlántica. REMITIDA - Arquivo

O comité criticou que "nin Ferroatlántica nin sobre todo Íthaka adquiriron ningún compromiso por escrito do futuro funcionamento" do centro de traballo, "nin fixeron entrega do contrato de compra-venda".

"Os termos anunciados están lonxe da formulación que o comité de empresa formulou e a Consellería ten coñecemento", lamentaron os representantes dos empregados, que aseguraron que pese ao cambio de titularidade, "Ferroatlántica seguirá sendo o seu provedor exclusivo e o comprador único de toda a produción".

Segundo o comité, desta maneira as plantas funcionarán como "unha especia de maquila de Ferroglobe" e podería considerarse unha "segregación encuberta" das actividades.

"De feito, o comprador confirmou que manterá os recursos legais contra a resolución de Augas de Galicia denegando a autorización para a segregación das centrais e que tampouco vai retirar o ERTE", indicou.

Nesta reunión, segundo as mesmas fontes, Ferroatlántica anunciou que o pasado 1 de xullo presentou na Xunta de Galicia a documentación para solicitar a cancelación do leasing que ten sobre as centrais.

Ademais, o comité de empresa lamentou que a Consellería "non os chamou" pero confiou en que terá unha reunión "en breve" xa que "se comprometeu a actuar conxuntamente cando a empresa presentase algo na Xunta".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta