Gonzalo Caballero entra na Cámara galega e empraza a Feijóo a dicir cando convocará eleccións en Galicia

Cre que o Parlamento "reflicte o resultado das urnas de fai tres anos" e que hai unha "maioría social" que espera "o cambio" en Galicia

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2019 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acreditouse como novo deputado da Cámara galega este mércores, xornada que aproveitou para emprazar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a "aclarar" cando convocará eleccións autonómicas en Galicia.

"Estamos preparados para distintos horizontes electorais", deixou claro Gonzalo Caballero nunha intervención na que considerou que "que sería moi positivo que Feijóo aclarase xa cal é o horizonte electoral co que vai traballar nesta lexislatura". "Que nos diga con claridade se vai haber eleccións autonómicas no prazo do final da lexislatura ou se está a barallar outras alternativas", reclamou.

Ademais, instou ao presidente da Xunta a "levar con dignidade" e "a responsabilidade que merece o cargo" o último ano que queda de lexislatura". "Que respecte a opinión de moitos galegos que non lle deron o seu apoio ao PP, que entenda que o xogo democrático marcará os tempos políticos cando corresponda e que deixe de xogar ás promesas a longo prazo en distintos ámbitos das políticas da Xunta", indicou.

E é que, conforme sinalou, "a esta lexislatura quédalle un ano" e, despois, "serán os galegos" os que "decidirán quen teñen as competencias en sanidade, en demografía, en turismo e Xacobeo, ou calquera outra tarefa".

ACREDITACIÓN COMO DEPUTADO

Acompañado polo portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, Gonzalo Caballero acudiu este mércores ao Pazo do Hórreo para acreditarse como novo deputado do Grupo Parlamentario Socialista.

"Chego ao Parlamento para asumir a responsabilidade política de ser deputado, para manter unha vida política intensa no Parlamento galego pero, sobre todo, para plasmarlle aos galegos e galegas que estamos en condicións de darlle un goberno progresista, de esquerdas e de futuro a Galicia, distinto ao que o PP mantivo ao longo do últimos dez anos", manifestou.

No seu desembarco no Hórreo, Gonzalo Caballero volveu explicar que será o presidente do Grupo Parlamentario Socialista, que "codirixirá" co portavoz, Xoaquín Fernández Leiceaga. Con todo, durante esta etapa tamén prevé "manter a actividade ao longo do país" para dicirlle aos galegos que "Galicia necesita un cambio político, que hai unha maioría social que está a esperar por ese cambio".

"Estamos preparados para que cando haxa eleccións autonómicas en Galicia o Parlamento galego poida reflectir a nova maioría social de progreso que hai no país". Precisamente, preguntado por se ten ganas xa de debater no Hemiciclo co máximo mandatario autonómico, Gonzalo Caballero asegurou que tan pronto como haxa un debate "estará en condicións de confrontar dialécticamente" co xefe de filas do PPdeG.

Tras iso, subliñou que do que ten "ganas" é de medirse "coa opinión da cidadanía", que será a que mostre "cal vai ser a nova maioría social en Galicia". "Este Parlamento reflicte o resultado das urnas de hai tres anos e en Galicia hai un novo escenario social e electoral", apuntou.

SEN BUSCAR "ATALLOS"

Ademais, deixou claro que "en ningún momento" tentou "buscar atallos" para tentar "ocupar cargos". "Esa non é a miña prioridade", manifestou Gonzalo Caballero, que lembrou que o paso do xa exdiputado Abel Losada ao Concello de Vigo é o que implica que "correse a lista" pola provincia de Pontevedra e que el teña que "asumir unha nova responsabilidade institucional".

Todo iso nunha intervención na que lembrou que hai case dous anos que asumiu a dirección do PSdeG "co apoio das bases" e o obxectivo de "abrir un novo tempo político en Galicia". Dous anos nos que, conforme sinalou, "compatibilizou a súa tarefa como profesor" coas responsabilidades que implicaba a Secretaría xeral do Partido Socialista en Galicia.

"Para mostrar que un chega á vida política coa súa vida profesional resolta..., que vén á política a facer un servizo público no que o cargo político vai detrás de calquera outra prioridade e detrás de calquera interese colectivo", subliñou.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acredítase como novo deputado no rexistro do Parlamento de Galicia
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acredítase como novo deputado no rexistro do Parlamento de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta