Cualedro celebra este xoves un pleno municipal para declarar zona de emerxencia a área danada polas riadas

O seu rexedor, Luciano Rivero, cifra os danos en infraestruturas municipais en 400.000 euros.

Por E.P. | OURENSE | 17/07/2019 | Actualizada ás 20:01

Comparte esta noticia

O Concello de Cualedro  celebrará este xoves, ás 11,00 horas, un pleno municipal ordinario que recollerá na orde do día a declaración de zona de emerxencia daquelas áreas que resultaron danadas polas treboadas do pasado luns 8 de xullo.

Tal e como informou a Europa Press o alcalde, Luciano Rivero, o seu goberno cifra na contorna dos 400.000 euros os danos en infraestruturas municipais. E é que neste municipio, indicou o seu rexedor, as treboadas provocaron "moitos problemas" en servizos como a rede de sumidoiros, o abastecemento, a iluminación pública, e as pistas de acceso ás leiras particulares, entre outros.

Ademais, recoñeceu que houbo "bastantes danos" en terreos agrícolas que afectarán á produción. Neste punto, mencionou o caso dun veciño concreto que "perdeu parte" da explotación e "non ten seguro", pero que con todo xa recibiu o respaldo da Deputación, que está "disposta a colaborar".

Así, Luciano Rivero explicou a Europa Press que moitas persoas se están achegando ás oficinas municipais para presentar unha relación de danos que logo o goberno local trasladará "á Delegación do Goberno e á Xunta para ver se conseguen algún tipo de axuda" para os veciños. Isto, afirmou, veríase facilitado pola declaración de zona de emerxencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta