O Tribunal Superior desestima a petición de Navantia de reabrir o proceso contra a folga de auxiliares de 2017

O TSXG comunicou, con data do pasado 11 de xullo, a firmeza da sentenza pola cal se desestima a petición de Navantia de reabrir o proceso contra a folga convocada pola CIG na industria auxiliar dos estaleiros de Fene e Ferrol, que se desenvolveu durante 22 días en outubro de 2017.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2019 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) comunicou, con data do pasado 11 de xullo, a firmeza da sentenza pola cal se desestima a petición de Navantia de reabrir o proceso contra a folga convocada pola CIG na industria auxiliar dos estaleiros de Fene e Ferrol, que se desenvolveu durante 22 días en outubro de 2017.

Paro en Navantia.
Paro en Navantia.

A CIG confirmou este xoves esta desestimación, despois de que Navantia non formalizase o recurso de reposición. Este feito evidenciou, segundo sinalou o sindicato, que o obxectivo de Navantia con esta petición de reapertura era "amedrentar, desactivar e coaccionar aos traballadores e traballadoras que de maneira masiva e exemplar estaban a secundar a folga en defensa dos seus dereitos."

Ao mesmo tempo, a CIG lembrou que este é o "segundo revés" que se levou Navantia por parte do TSXG en relación a esta folga da industria auxiliar de 2017, despois de que o pasado mes de xuño o alto tribunal galego desestimase o recurso contra a sentenza do Xulgado do Social nº2 de Ferrol, que fallara en contra da demanda interposta por Navantia contra a CIG e o comité de folga para declarar ilegal o paro.

Nesta sentenza, o TSXG apuntou a falta de lexitimidade de Navantia para solicitar a declaración de ilegalidade dunha folga convocada pola súa industria auxiliar, ao mesmo tempo que se negaban os impedimentos por parte dos piquetes denunciados pola naval, afirmando que as alteracións na produción por mor da convocatoria de folga non supoñen a súa ilegalidade.

Para a CIG, nestas dúas resolucións "desmontáronse todos os argumentos aos que recorreu Navantia para tentar xustificar a súa demanda", que considera parte "dunha estratexia de desmobilización e criminalización da folga".

Ante o fallo, esperan que servise para que Navantia e as empresas auxiliares "tomen boa nota desta actuación fracasada e cesen nos seus intentos de restrinxir o lexítimo dereito dos traballadores e traballadoras a reivindicar melloras salariais e laborais".

A CIG lembrou que as firmas Galictio e Indasa tamén presentaran denuncia contra varios membros da CIG por participar no piquete nas portas de Navantia Fene. Este asunto tería que tratarse o pasado 3 de xullo no Xulgado de Instrución nº2 de Ferrol, pero, segundo sinalou o sindicato, esta vista non se chegou a producir porque ambas as empresas retiraron as denuncias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta