Amenceu un día magnífico en Paris, logo dun Domingo soleado que aproveitamos para perdernos por rúas e parques, despois de varios meses sen ver o sol en Santiago de Compostela. Foi o pasado luns, 3 de Febreiro. Chegamos á sé da UNESCO, na Place Fontenoy, cedo, ás 9 eran as acreditacións, pola Rue Zufren. Notábase bullicio. As persoas parábanse antes de pasar o scaner de seguridade. Acompañáronnos á Sala X, lugar onde se celebran as reunións habituais do Consello Executivo da UNESCO. É un espazo amplo, luminoso, disposto en varios círculos concéntricos onde se sitúan a presidencia, o secretariado, os relatores, invitados, delegacións… no teito un artesonado que simula unha estrela, nos asentos a tradución simultánea nos idiomas oficiais, na parte superior, os intérpretes. No centro, unha cámara da televisión da propia institución.