O Porto e o Concello da Coruña inician unha "nova etapa" marcada polo diálogo e a colaboración institucional

O presidente da Autoridade Portuaria e a alcaldesa manteñen a súa primeira reunión coa vista posta nas débedas e a fachada marítima.

Por E.P. | A CORUÑA | 23/07/2019 | Actualizada ás 16:34

Comparte esta noticia

O Porto da Coruña e o Concello da cidade iniciaron unha "nova etapa" co mandato da alcaldesa socialista Inés Rey, quen confía en que este novo tempo veña marcado polo "diálogo" e a "colaboración institucional".

Así o manifestou a rexedora tras manter unha primeira reunión co presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Enrique Losada, con quen tratou asuntos relevantes para a cidade como é o futuro da fachada marítima, a débeda do Porto pola construción de Punta Langosteira ou a débeda contraída polo Concello polas obras da Marina.

Todos eles son temas que ambas as administracións abordarán nesta etapa "oposta" á anterior, segundo indicou Losada, que prefire "non acordarse" da etapa co anterior goberno municipal da Marea Atlántica.

O presidente da Autoridade Portuaria e a alcaldesa da Coruña coincidiron en facer prevalecer a "lealdade institucional" e fixar obxectivos comúns para traballar polo ben da cidade. "Non en todas as cuestións imos estar de acordo, pero si en moitas e sobre todo naquelas de calado para a cidade", di Rey.

En relación a algúns dos temas de relevancia entre ambas as administracións, como son a fachada marítima ou a débeda do Porto, Losada indicou que aínda é "prematuro" falar sobre eles; pero tanto el como Rey mostráronse dispostos a abordar "sen andrómenas" todos os temas relevantes e estudar "a mellor forma" para conseguir resultados.

AFASTADOS DA "CONFRONTACIÓN"

No caso concreto da débeda contraída pola Autoridade Portuaria pola construción do porto exterior de Punta Langosteira, Rey indicou que se estudarán as formas xurídicas posibles, "xa sexa unha condonación total ou parcial", pero para iso insta a esperar a que se conforme Goberno en Madrid.

"Para sacar adiante os proxectos de cidade é necesario a implicación de todas as administracións públicas e afastar de posicións partidistas en segundo que temas para a cidade. A implicación, a lealdade institucional e a colaboración son vimbias necesarias para que saia adiante", comentou Rey, que rexeita "escenarios de confrontación".

Punta Langosteira. PORTO DA CORUÑA - Archivo
Punta Langosteira. PORTO DA CORUÑA - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta