Investigan presuntos abusos sexuais nun campo internacional de traballo da Xunta

A denuncia foi interposta por un mozo de 21 anos que participaba nun campamento en Boqueixón e Vedra. “Trátase dun asunto que está en mans da Policía, que seguirá o curso de tramitación da denuncia”, asegura Política Social tras a dimisión da directora do campo.

Por Galicia Confidencial | Boqueixón | 24/07/2019 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

As forzas de seguridade investigan unha denuncia por abuso sexual a un mozo de 21 anos, participante dun dos campos internacionais de traballo da Xunta nos concellos de Boqueixón e Vedra.  A denuncia está dirixida contra a xa ex directora deste campo, P.M., que dimitiu no mesmo momento de coñecer que fora denunciada.

“Temos coñecemento de que un dos participantes do campo de voluntariado de Boqueixón-Vedra presentou unha denuncia ante a Policía contra a directora dese campo. Con efectos inmediatos, a directora dimitiu do seu posto e foi substituída por outra persoa no mesmo día”, apuntan a GC fontes da Consellería de Política Social da que dependen a xestión destes campos a través da Dirección Xeral de Xuventude.

Trátase dun asunto que está en mans da Policía, que seguirá o curso de tramitación da denuncia. Por suposto, a Xunta ofrecerá sempre a máxima colaboración coas instancias policiais en todo o que se lle requira”, engaden as fontes consultadas.

Participantes no campo de traballo da Xunta en Boqueixón e Vedra
Participantes no campo de traballo da Xunta en Boqueixón e Vedra | Fonte: TVG

Os feitos, segundo puido saber GC, teríanse producido hai uns días. Os traballos neste campamento iniciáronse o pasado 13 de xullo e finalizan este mércores, 24.  Durante estes días, os mozos e mozas participantes realizaron tarefas de limpeza da Vía da Prata, un dos camiños a Santiago, ademais doutros traballos medioambientais, arqueolóxicos e patrimoniais.

Os mozos e mozas teñen entre 18 e 30 anos e, entre eles, hai galegos, españois doutras comunidades, gregos, belgas e ata chineses.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta