Críticas dos partidos galegos á falla de acordo entre PSOE e Unidas Podemos para formar goberno

Feijóo ve un "esperpento político" as negociacións de PSOE e UP, que "se toman de broma" aos cidadáns. Villares avisa de que o "espectáculo" de PSOE e Podemos no Estado pode "frustrar o cambio" en Galicia. Galicia En Común carga contra Sánchez.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/07/2019 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

A situación de incerteza sobre o debate de Investidura no Congreso dos Deputados tras a ruptura das negociacións entre o PSOE e Unidas Podemos meteuse no debate político do día grande de Galicia. Así, os principais partidos galegos critican que esta falla de acordo traerá consecuencias negativas para o país.

O presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, considera un "esperpento político" as negociacións entre PSOE e Unidas Podemos e considera que estas dúas formacións "están a tomarse de broma aos 47 millóns de cidadáns" de España. En declaracións aos medios tras participar na Ofrenda ao Apóstolo Santiago con motivo da celebración do 25 de xullo, o mandatario autonómico expresou que os españois, entre os que se incluíu, "non saen da súa perplexidade" porque "despois de 80 días que o presidente tiña o encargo e a responsabilidade de chegar a unha sesión de investidura previsible".

Ademais, o presidente da Xunta criticou que "despois de todo iso" Pedro Sánchez pronunciase no Congreso un discurso de investidura "moi sorprendente", que "máis que un discurso de investidura era un mitin electoral". Así mesmo, Feijóo afeou tanto a PSOE como Podemos que "cando se están xogando a estabilidade de España, estean a criticarse entre se" e "filtrando os documentos que un se pasa ao outro". "En definitiva, non saímos da nosa perplexidade", engadiu.

Pedro Sánchez (PSOE) e Pablo Iglesias (Podemos)
Pedro Sánchez (PSOE) e Pablo Iglesias (Podemos) | Fonte: RTVE.

VILLARES

Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, alertou de que "o espectáculo" que, ao seu xuízo, están a ofrecer o Partido Socialista e Podemos nas negociacións para a investidura de Pedro Sánchez e a formación de Goberno no Estado podería "frustar" un posible "cambio" en Galicia coa articulación dunha "alternativa progresista" ao Partido Popular de Alberto Núñez Feijóo nas eleccións autonómicas previstas para o próximo ano.+

"Fai tres anos estabamos nunhas condicións óptimas para un cambio de goberno en Galicia, que se frustrou porque Podemos e PSOE non foron capaces de chegar a un acordo nas Cortes. Iso provocou unha desmovilización na sociedade progresista nas autonómicas (galegas) meses despois", apuntou Villares, en referencia ás eleccións de setembro de 2016 nas que Núñez Feijóo renovou por terceira vez a súa maioría absoluta.

Para o portavoz de En Marea --organización desvinculada agora de Podemos e o resto de socios da confluencia que se presentou ás eleccións de 2016--, a situación descrita podería "repetirse" a pesar de existir "números aínda máis favorables" para a articulación dun goberno "progresista" no Estado, polo que pide "responsabilidade" a Podemos e PSOE, quen "negocian sen ganas de entenderse".

GALICIA EN COMÚN

A portavoz de Galicia En Común, Yolanda Díaz, lamentou que o ata hoxe candidato á investidura, Pedro Sánchez, rexeitase a última oferta de Unidas Podemos, pero defendeu que "é posible" superar o atranco en setembro se o PSOE "non antepón os intereses partidarios aos do país". 

Díaz advertiu que se non se alcanza un acordo dentro de dous meses, entrarase na posibilidade "de que A Moncloa estea gobernada pola dereita" en novembro cunhas segundas eleccións.

Xunto co deputado Antón Gómez-Reino, a deputada pediu a Sánchez "vontade" para negociar e evitar unha nova cita electoral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta