A Audiencia Provincial de Ourense interna nun psiquiátrico o home demente que matou á súa muller no Carballiño

Estará dentro da instititución de saúde mental un máximo de catorce anos.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 16/08/2019 | Actualizada ás 16:47

Comparte esta noticia

O maxistrado presidente da Audiencia Provincial de Ourense, Antonio Piña Alonso, ditou un auto polo que establece o cesamento da medida de prisión preventiva contra J.A.L., que matou á súa muller no Carballiño o 29 de xaneiro de 2017. O home xa saíu do centro penal de Pereiro de Aguiar no que se atopaba.

Ademais, o presidente do tribunal tamén deu testemuño ao xuíz civil de familia para que, de forma urxente, tramite o internamento involuntario de J.A.L. nun establecemento de saúde mental, durante a tramitación dos diversos recursos que se poden impor contra a sentenza do 18 de xullo de 2019 que decretou a absolución do imputado ao concorrer a eximente completa de alleamento mental.

Dita sentenza tamén establece como medida de seguridade o internamento de J.A.L. nun centro psiquiátrico penal, por un tempo máximo de catorce anos, en base ao perigo do suxeito, apreciada a partir da natureza e gravidade do delito cometido e das súas características persoais.

O AUTO

No auto ditado polo xuíz Piña recóllese como no ano 2015 a defensa dun absolto dun delito de incendio pola eximente completa de trastorno mental, ao que tamén se lle impuxo unha medida de seguridade nun psiquiátrico penal, gañou un recurso no Tribunal Constitucional por "vulneración do dereito á liberdade persoal".

O presidente do tribunal baseouse no seu auto tamén noutra sentenza do Tribunal Constitucional do ano 2018, que entende como "prisión encuberta, carente de absoluta cobertura legal e por iso vulneradora do seu dereito á liberdade" a estancia dun home cunha eximente completa no módulo de enfermaría dun centro penal carente de unidade psiquiátrica.

Por todo iso, o xuíz Antonio Piña Alonso recolleu no seu auto que "corresponde ao poder lexislativo pór fin a este delicado baleiro normativo, regulando de maneira pertinente a medida cautelar penal de internamento en centro psiquiátrico".

Ademais, ata que se dite unha sentenza firme o auto recolle que "non cabe privar de liberdade ao acusado absolto en sentenza por aplicación dunha eximente por trastorno mental, mentres se resolven os recursos, agás se devandito internamento é nun centro integrado na rede hospitalaria civil e acórdase polo xuíz competente ".

A DEFENSA INTERESOU A LIBERDADE

O auto de posta en liberdade de J.A.L. ditouse dúas horas despois da vista celebrada o pasado mércores, 14 de agosto, a petición do letrado da defensa, Orbán Sousa, que solicitou por escrito a posta en liberdade do seu cliente mentres se tramita o recurso de apelación que pretende interpor contra a resolución do 18 de xullo de 2019.

Durante a vista oral a defensa solicitante da liberdade, mantivo o seu posicionamento interesando a liberdade do J.A.L. ao considerar que a xurisprudencia constitucional non ampara a adopción da medida mediante o trámite de recurso, cando recaeu sentenza absolutoria.

O Ministerio Fiscal opúxose á medida de liberdade solicitada, acollendo como petición subsidiaria a posta en liberdade e o sometemento a internamento involuntario. Mentres, a acusación particular adheriuse ao solicitado pola Fiscalía.

Xuízo en Ourense contra acusado de matar á súa muller no Carballiño.
Xuízo en Ourense contra acusado de matar á súa muller no Carballiño. | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta