As estatuas do Pórtico da Gloria que teñen os Franco xa son BIC e poderán visitarse catro veces ao mes

Foron declaradas xa BIC. A protección abarca nove figuras atribuídas ao Mestre Mateo. Bugallo valora de forma "moi positiva e útil" esta declaración.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2019 | Actualizada ás 11:21

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores o decreto aprobado polo Goberno galego que declara Ben de Interese Cultural (BIC) nove esculturas da desaparecida fachada do Pórtico da Gloria, atribuídas ao Mestre Mateo. Entre elas, atópanse as dúas pezas, Abraham e Isaac, en poder da familia Franco e por cuxa posesión está aberto un litixio co Concello de Santiago.

O decreto de protección, que foi aprobado pola Xunta o pasado 26 de xullo, non implica ningún cambio na titularidade destes bens, pero si obriga aos propietarios a abrir ao público estas pezas un mínimo de catro días ao mes, o mesmo que ocorre co Pazo de Meirás.

Ademais das dúas pezas en mans do Franco, o decreto afecta a outras sete esculturas que están ou en mans de particulares ou forman parte do patrimonio de institucións públicas como o Museo da Catedral de Santiago ou o Museo de Pontevedra.

Todas elas teñen unha cronoloxía comprendida entre os anos 1188 e 1211 e pertencían orixinariamente á desaparecida portada occidental da Catedral de Santiago, que se antepuña ao Pórtico da Gloria, tamén atribuído ao Mestre Mateo.

En concreto, as estatuas protexidas coa declaración BIC son as do Rei David, o Rei Salomón e unha figura masculina con cartela localizada en 2016 durante a restauración das torres da Catedral, atribuída ao profeta Malaquías, todas elas pertencentes ao Museo da Catedral de Santiago.

Así mesmo, tamén se inclúen dúas tallas identificadas como Enoc e Elías, que custodia o Museo de Pontevedra, e catro pezas pertencentes a coleccións particulares, as dúas da familia Franco, unha talla dun rei bíblico identificado en ocasións como Fernando II de León e unha cabeza barbada dunha estatua-columna, que está depositada no Museo da Catedral de Santiago.

Estatuas de Isaac e Abraham, obras do Mestre Mateo, en Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo
Estatuas de Isaac e Abraham, obras do Mestre Mateo, en Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

"POSITIVO"

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, valorou de forma "moi positiva e útil" este feito. Así o manifestou este mércores ao lembrar que recentemente se engadiu ao recurso xudicial documentos que pertencen a "correspondencia privada" na que se fai referencia ao Concello compostelán como "propietarios" das figuras.

Ao seu xuízo, "o problema" da administración local sempre foi a "ausencia documental", xa que "non existen ou se perderon" arquivos que corroboren a propiedade desas estatuas. No entanto, con esta declaración "garántese que eses bens non poidan ser exportados e que sexan accesibles ao conxunto dos cidadáns".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta