O presidente da RAG pediu apoios económicos para o funcionamento da institución

Comparou a situación da RAG coa da súa homóloga no País Vasco: "As participacións da Academia galega non chegan ao millón de euros, mentres que a Academia Vasca ten 3,5 millóns, o que dá unha idea das necesidades".

Por E.P. | A CORUÑA | 05/09/2019 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, avogou por unha alianza entre institucións, empresas e RAG para fomentar o uso do galego "con sentidiño", á vez que reclamou o "compromiso" das cidades galegas no uso do idioma.

Así o manifestou, en declaracións aos xornalistas, tras manter no palacio municipal de María Pita unha reunión coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, con quen, entre outros asuntos, abordou as necesidades da Academia, que require de "apoios económicos" para o seu funcionamento.

Para iso, comparou a situación da RAG coa da súa homóloga no País Vasco: "As participacións da Academia -a RAG- non chegan ao millón de euros, mentres que a Academia Vasca ten 3,5 millóns, o que dá unha idea das necesidades", explica Freixanes.

"Necesitamos comprometer ás cidades de Galicia no uso do idioma", asegurou o presidente da RAG, que comenta que desde a institución académica están "a traballar no uso do galego na xente nova" e "nas áreas urbanas". "Temos que seducir, non impor. Hai que implicar á xente, non obrigar", indicou o presidente da RAG, que avoga por mostrar o galego como un "idioma moderno e urbano".

UN FOMENTO "CON SENTIDIÑO"

Dentro da súa aposta pola "modernidade" do galego, Freixanes destacou que os máis novos deberían toparse con este idioma, por exemplo, en espazos de lecer, empresas, produción audiovisual ou, mesmo, na rede.

Víctor F. Freixanes, presidente da RAG
Víctor F. Freixanes, presidente da RAG | Fonte: RAG

Para iso, propón unha alianza entre institucións, empresas e a RAG de cara a fomentar o uso do galego "con sentidiño". Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña destacou o "importante papel" da RAG na defensa do galego, así como o papel "colaborador" do Concello da Coruña na defensa da súa actividade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Sentidiño

PP e Vox subvencionan a inmersión en español: https://youtu.be/T0HrSKLALG8

2 Veritas

- "Temos que seducir, non impor. Hai que implicar á xente, non obrigar" A constituiçom espanhola impom -obriga- o castelhano aos galegos. Senhor Freixães, a melhor forma de recuperar o uso do galego-português na Galiza é a imensom lingüística. Olhe mais para a Catalunha e menos para os madrilenos ...!

1 Felisa

O único "sentidiño" que pode salvar ó galego chámase inmersión lingüística e achegamento progresivo á norma reintegracionista do galego internacional. O resto é extinción por asimilación co español. Pódenlle dar 100 millóns de euros á RAG e o galego seguirá a desaparecer porque o "castrapoxunteiro" non ten futuro (eu xa estou a estudar a norma AGAL para Galiza).