Un estudo sobre os autónomos galegos sinala que cobran a pensión máis baixa do Estado

A Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA), asegura que segundo a provincia onde residan os traballadores por conta propia, a fenda pode alcanzar ata os 900 euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2019 | Actualizada ás 12:38

Comparte esta noticia

Os autónomos galegos cobran a pensión máis baixa do conxunto estatal cunha media de 596,03 euros, case mil euros por baixo do que percibe por xubilación un asalariado do País Vasco, segundo reflicte un estudo realizado pola Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA).

Por provincias, os autónomos lucenses sitúanse á cola do Estado nas contías que reciben de media pola súa pensión con 562,50 euros, seguidos polos traballadores por conta propia de Ourense (577,34 euros) e os da Coruña (577,34). Pontevedra é a provincia galega coa media máis alta con 615,13 euros. En canto á pensión de xubilación, a media galega é de 653,24 euros con Pontevedra como a provincia onde máis cobran (672,16) e Ourense e Lugo as que menos (627).

O estudo de UPTA reflicte que a pensión media dun traballador autónomo en España é 523,02 euros inferior á dun asalariado. Ademais, segundo a provincia onde residan os traballadores por conta propia, a fenda pode alcanzar ata os 900 euros. Deste xeito, a diferenza entre a pensión media de xubilación dun asalariado do País Vasco coa dun autónomo galego alcanza os 969,26 euros. No entanto, UPTA apunta que entre autónomos e asalariados das mesmas provincias as diferenzas tamén son "moi acentuadas".

Así, no caso de Madrid, a diferenza aproximadamente é de 651 euros; en Barcelona é de 516 euros, e en Sevilla a brecha alcanza os 384 euros. Con todo, as diferenzas non se dan unicamente entre asalariados e autónomos. De feito, UPTA resaltou que entre autónomos tamén existen "grandes diferenzas". De feito, a pensión media de xubilación dos autónomos rurais apenas supera os 725 euros, mentres que os autónomos das grandes cidades cobran unha prestación que rolda os 850 euros.

O presidente de UPTA, Eduardo Abad, cre que este debe ser "un dos grandes debates do futuro". "Hai que remediar esta situación e as contías que perciben os autónomos en concepto de pensión e sobre todo no caso da pensión de xubilación", resaltou. Para Abad, é "un drama" que, "despois de cotizar toda unha vida", os autónomos perciban pensións que en moitos casos "non lles aseguran nin un mínimo de ingresos para vivir con dignidade".

"É vital que deseñemos un novo modelo de cotización que permita a miles de traballadores autónomos regularizar as súas cotizacións antes de finalizar o ano corrente", remarcou. Tamén considera que é necesario expor aos traballadores por conta propia a necesidade de aumentar as bases de cotización de face á súa xubilación.

Neste sentido, cre que debe ser o Estado o que, a través de iniciativas de cotizacións, desenvolva os mecanismos fiscais necesarios para que isto se produza de forma natural. "Este problema si é unha prioridade para os máis de tres millóns de traballadores autónomos e non a capitalización de asentos nun hipotético goberno de coalición e témolo que resolver", apostilou Abad.

Manifestación autónomos en Ourense
Manifestación autónomos en Ourense

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta