Santiago terá a primeira unidade pediátrica de crónicos e paliativos de Galicia

A área de Xestión Integrada de Santiago estreará a primeira unidade do Servizo Galego de Saúde.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2019 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

A área de Xestión Integrada de Santiago estreará a primeira unidade pediátrica de crónicos e paliativos do Servizo Galego de Saúde, que formalizará e ampliará o traballo dos profesionais que na actualidade atenden aos nenos con patoloxías crónicas complexas e gran dependencia técnica.

Enfermeiras nunha planta de pediatría
Enfermeiras nunha planta de pediatría | Fonte: consalud.com

Este luns, a xerente da área sanitaria, Eloína Núñez, presentou a nova unidade, que "nace para dar unha mellor resposta ás necesidades dos 39 nenos e nenas que atendemos na actualidade e que contan con discapacidades e disfuncións orgánicas severas", indicou Núñez.

Estes nenos e as súas familias terán á súa disposición un equipo de profesionais sanitarios que estarán coordinados desde a Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de pediatría do Hospital Clínico, que colaborarán con pediatras de atención primaria e o 061, ademais de especialistas doutras disciplinas do hospital.

O obxectivo é ofrecer a estes nenos e as súas familias unha atención "integral", para o que se empregará a "telemedicina e a atención a domicilio como ferramentas preferentes", como apunta a Consellería de Sanidade.

Deste xeito, unha enfermeira terá a función de contactar de maneira periódica coas familias para coñecer o estado do paciente. Esta información completarase coa telemonitorización das constantes necesarias en cada caso.

Con iso pretenden evitar "descompensacións" e visitas de urxencia ao hospital para que o neno sexa atendido, na medida do posible, na súa contorna familiar. Así mesmo, os familiares dos pacientes tamén recibirán formación e apoio continuo dos profesionais do medicamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta