A Fundación Rosalía deposita no Museo do Pobo Galego roupa da burguesía feminina galega do XIX e principios do XX

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2019 | Actualizada ás 19:32

Comparte esta noticia

A Fundación Rosalía de Castro deixou en depósito no Museo do Pobo Galego un fondo de 40 pezas de roupa feminina datadas nos séculos XIX e XX. Estes elementos xa non formaban parte da museoloxía da Casa de Rosalía.

Pezas de roupa feminina antigas usadas polas mulleres galegas
Pezas de roupa feminina antigas usadas polas mulleres galegas | Fonte: Museo do Pobo.

Este xoves, o presidente da Fundación, Anxo Angueira, e o director do museo, Manuel Vilar, asinaron o convenio de depósito en Santiago.

En concreto, trátase de pezas de vestimenta feminina elaboradas entre 1875 e 1914 na súa maior parte, con algunha peza procedente dunha época posterior (anos 30 e 50). A Fundación Rosalía de Castro deposita esta roupa no Museo do Pobo Galego para ampliar a colección de indumentaria deste centro e para a súa mellor conservación.

As pezas depositadas, das que se descoñece a súa historia previa, son as historicamente empregadas pola burguesía, entre as que se atopan corpos de traxe ou chaquetas elaboradas seguindo as pautas da moda internacional, en particular de París.

As pezas máis antigas están elaboradas con damascos, veludos, tules ou satenes; tecidos traídos da industria téxtil europea e feitos de fibras naturais como a la, o liño, o algodón ou a seda. Con respecto aos adornos, moitas destas vestimentas están engalanadas con pasamanería de cordón e abelorios de vidro, moi de moda naquel tempo.

Como peza destacada deste depósito atópase un corpo de traxe feminino de satén de seda, elaborado en cor verde, con adornos de tul que inclúen un bordado floral de fío en diferentes cores. A cintura interior da peza ten bordada a marca da modista Emilia Morales, que estaba establecida no número 30 da rúa de Santo André da Coruña na década de 1870.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta