Temas: CAZA XUNTA XABARIL

A Xunta permitirá a caza todos os días da semana en 33 municipios declarados en alerta por xabaríns

O Goberno autorizará de forma "inmediata" a captura destas especies a propietarios de terreos danados

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2019 | Actualizada ás 15:49

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente declarará a próxima semana a emerxencia cinexética por presenza de xabaríns nun total de 33 municipios de catro áreas galegas —Deza (Pontevedra), Betanzos-Eume (A Coruña), Viana (Ourense) e Terra Chá (Lugo)—, de modo que nos terreos destinados á caza se poderá desenvolver esta actividade todos os días da semana ata o 29 de febreiro de 2020.

Xabaril
Xabaril | Fonte: Europa Press.

Así o anunciou este luns a direcrora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen explicou que a decisión de declarar esta emerxencia temporal está amparada polo regulamento de caza de 2011 e busca "rebaixar a abundancia" desta especie en Galicia.

En concreto, a medida permanecerá vixente en 14 concellos da provincia da Coruña (Aranga, Betanzos, Cabanas, A Capela, Coirós, Curtis, Irixoa, Monfero, Miño, Oza-Cesuras, As Pontes, Paderne, Vilasantar e Vilarmaior), nove en Lugo (Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Xermade, Guitiriz, Muras, A Pastoriza e Vilalba), catro en Ourense (A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso) e seis en Pontevedra (Dozón, Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces).

A caza de xabaríns de ambos os sexos estará permitida todos os días nos terreos cinexéticos (Tecor) destes 33 municipios agás nas zonas libres, nas que haberá algunhas excepcións —tan só luns, martes, mércores, venres e sábados ata o 6 de xaneiro; e luns, martes, mércores e venres do 7 de xaneiro ao 29 de febreiro—. En ambos os casos o responsable do Tecor deberá comunicar previamente, con 10 días de antelación, á xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente sobre as xornadas que non teñan programación de caza habitual.

Ademais, a directora xeral de Patrimonio Natural avanzou que se permitirán modalidades como as esperas, tamén con comunicación previa, así como o uso "de forma excepcional" de visores ópticos nocturnos e fontes lluminosas.

Outra das medidas que se habilita coa declaración de emerxencia cinexética é que os propietarios dos terreos danados por xabaríns poderán realizar esperas persoalmente ou con asistencia de terceiros, "pero sempre con autorización" do Tecor.

Ademais, estará permitida a captura "en vivo" de exemplares mediante gaiolas tanto en terreos cinexéticos como non cinexéticos. No caso de que iso non sexa efectivo, autorizaranse as esperas previa solicitude do interesado e sempre que se acredite a existencia de danos.

En todo caso, para os terreos nos que estea declarada a emerxencia, os xabaríns "teñen que estar identificados a través dun precinto" e deberán comunicalo á xefatura territorial da Consellería nun prazo de 15 días, aseverou a directora xeral de Patrimonio Natural.

Así mesmo, Belén do Campo aclarou que dada a situación actual, e para "incrementar a efectividade" das medidas de control, modificarase a actual lei de caza para ampliar as modalidades de captura e tamén a Resolución Anual de Vedas para que en todos os municipios galegos se tramiten "de forma inmediata" as autorizacións de caza por danos a propietarios de terreos.

OUTRAS MEDIDAS

Preguntada sobre se hai enriba da mesa outras medidas de contención como vacinas anticonceptivas, a directora xeral asegurou que xa se implementan "noutras comunidades autónomas" como Cataluña nas que, con todo, "o resultado non é moi efectivo". "Por iso non as imos a facer", apostilou.

Así, Do Campo admitiu que as cifras de propietarios agrarios que solicitan axudas por danos "desbordan", polo que a "vontade" da Consellería de Medio Ambiente é a de "axilizar" o proceso para que as cobren de forma "máis áxil".

En todo caso, a directora xeral de Patrimonio Natural insistiu na "necesidade" de que tanto os concellos como as deputacións se impliquen en medidas informativas e preventivas de control da maleza, zonas "idóneas" para a cría e o asentamento de jabalíes.

Seguidamente, reiterou a petición ao Goberno central de pór en marcha "canto antes" unha comisión de seguimento deste animal co obxectivo de fixar uns criterios "uniformes e claros" para facer fronte a esta problemática.

Temas: CAZA XUNTA XABARIL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta