As probas selectivas para a policía local centralizadas na AGASP desenvolveranse cun calendario fixo

A Xunta destaca o "éxito" dunha medida coa que este ano se ofertan 149 prazas de auxiliares e 156 de policía local.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2019 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

A Xunta prevé dotar dun calendario fixo o proceso de selección centralizado na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) para a cobertura de prazas na policía local dos concellos galegos que decidan delegar estas oposicións nas probas unificadas que desde o pasado ano ofrece a Administración autonómica.

Así, segundo expuxo este mércores o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, en sede parlamentaria, o Goberno galego traballa na elaboración dun calendario que fixaría no mes de setembro a celebración das probas selectivas co obxectivo de que arranque en outubro o curso formativo para os que superen o proceso.

Este curso, dividido en seis meses de formación e tres meses de prácticas nos concellos, concluiría a tempo para que os axentes estean dispoñibles para incorporarse aos corpos durante a época estival, tempada na que existe maior demanda nos municipios, segundo concretou Villanueva.

En resposta á pregunta formulada pola deputada do Grupo Popular, Isabel Novo, durante a Comisión 1ª, o responsable de Emerxencias e Interior fixo balance das primeiras convocatorias do proceso unificado para a cobertura de prazas nas policía local, unha iniciativa creada en 2018 tras o acordo asinado pola Xunta coa Fegamp.

Villanueva destacou o "importante éxito" dun proceso "pioneiro" que, ademais de supor "un aforro" para as arcas municipais, ofrece "garantía da cobertura de prazas" e "vantaxes" para os aspirantes ao poder optar a varios concellos a través do sistema de listas.

72 CONCELLOS ADHERIDOS

Así, un total de 72 concellos están adheridos a este sistema, o que supón máis da metade dos 129 municipios que contan con corpos de policía local, incluídas cinco do sete grandes cidades da comunidade --só Vigo e Pontevedra non se sumaron polo momento--.

Na súa primeira convocatoria celebrada a finais de 2018, saíron ofertadas 109 prazas de auxiliares e 38 de policía local. Estes últimos atópanse na actualidade realizando o curso formativo e estarán a disposición dos concellos a finais do presente ano.

En 2019, o número de prazas para os postos de auxiliar de policía elevouse a 149, mentres que para axente do corpo municipal son 132 de oposición libre e 24 para o sistema de mobilidade. Mentres que para os auxiliares o proceso xa está terminado, para o segundo grupo realizaranse as primeiras probas en outubro e prevese que inicien o curso formativo nun prazo de tres meses.

Por outra banda, Villanueva tamén se referiu á creación dunha lista a través da cal os concellos poden cubrir prazas vacantes de auxiliares de maneira inmediata. Segundo a Xunta, o prazo de atención á solicitude situouse nunha media de 48 horas.

Axentes da Policía Local
Axentes da Policía Local | Fonte: CLM24

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta