Educación di que fixo "todo o posible" por rematar as obras en colexios antes do incio do curso

A deputada Luca Chao reprochou a "mala planificación" da Consellería porque, considerou, "tendo un parón de tres meses no verán resulta difícil de entender" que empecen as clases con obras sen finalizar.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2019 | Actualizada ás 11:51

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Educación, Jesús Oitavén, asegurou este venres que a Consellería fixo "todo o posible" por "facer compatible" acometer obras en época estival e o desenvolvemento da actividade lectiva.

Así o manifestou en resposta a unha pregunta do grupo Común da Esquerda sobre os centros escolares con obras pendentes ao comezo do curso escolar en comisión parlamentaria, na que Oitavén puntualizou que "non era posible cambiar a localización dos alumnos".

A deputada Luca Chao reprochou a "mala planificación" da Consellería porque, considerou, "tendo un parón de tres meses no verán resulta difícil de entender" que empecen as clases con obras sen finalizar.

Fronte a iso, o secretario xeral de Educación subliñou que a Consellería "fixo todo o posible" e defendeu que se licitaron 22 proxectos a realizar este verán. "O curso comezou con razoable normalidade", excepto, abundou, "con algunha incidencia puntual que foi atendida cando xurdiu".

Tras rexeitar que houbese recortes en infraestruturas educativas como apuntou a deputada Luca Chao, Oitavén explicou que había 54 obras en marcha no verán en centros educativos por un importe duns 44 millóns e encargáronse 22 proxectos de rehabilitación para centros con "máis necesidade".

Así, defendeu que se adxudicaron as obras "nun tempo marca" o que, comentou, sería "envexa" doutras administracións. Ademais, lembrou que os 22 proxectos de rehabilitación tiñan tres meses de execución "e a actividade lectiva ocupa unhas épocas concretas".

Deste xeito, subliñou que a Consellería de Educación "actuou con anticipación e planificación" cando encargou en decembro os proxectos, así como nos diferentes procesos ata licitalos en 10 de maio. "E se o Ministerio de Facenda non enredase co superávit poderían ser licitados antes", apostilou.

MENOS RECURSOS

Mentres, a deputada Luca Chao incidiu en que hai un "70 por cento menos de recursos" o que "se traduce en aulas en mal estado", sostivo, para engadir que "moitos centros necesitan melloras urxentes".

Pola súa banda, o secretario xeral incidiu en que "son necesarias melloras nos centros" e garantiu que a Consellería as seguirá acometendo. Nos casos concretos de centros educativos de Cervo e Foz, na provincia de Lugo, lembrou que no primeiro caso o contrato asinouse o 11 de xullo e cando se iniciou o curso, o 11 de setembro, "as aulas estaban operativas para impartir clases" e "seis días despois non existían ausencias nas aulas". A día de hoxe, matizou, seguen obras no exterior.

En canto ao de Foz, explicou que o 13 de xullo comezaron os traballos, que, unha vez iniciadas as clases, seguiron fóra do horario lectivo, para evitar o ruído e o po con alumnos no centro.

Colexio Cruceiro de Canido de Ferrol.
Colexio Cruceiro de Canido de Ferrol.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta