Bugallo ve "insuficiencia e inconcreción" nas contas para Santiago e o BNG repróchalle morneza

O rexedor avoga pola prudencia mentres Sanmartín reprocha a súa "debilidade" para reclamar mellores partidas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2019 | Actualizada ás 15:44

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mostrouse prudente á hora de valorar publicamente os orzamentos da Xunta destinados á capital galega. Neste sentido, aínda que constatou que parte das contas se caracterizan pola súa "insuficiencia e inconcreción", considerou que a lamentación pública "non achega nada", mentres o BNG local reprochoulle a súa morneza á hora de reclamar mellores partidas en cuestións como a capitalidade ou o Consorcio. 

A portavoz municipal do Bloque, Goretti Sanmartín, afeou ao rexedor un comportamento "morno" á hora de reclamar investimentos e actuacións fronte ás Administracións centrais e autonómica, como reflicten, para a nacionalista, as partidas para Santiago recollidas no proxecto de orzamentos da Xunta para 2020.

Sanmartín puxo o foco en que, para o próximo ano, a Xunta manterá a mesma cantidade que achega a Santiago en concepto do estatuto da capitalidade, destinado a "financiar os gastos de Compostela" derivados da súa condición de capital de Galicia e sede de institucións autonómicas. Así, o BNG considera "insuficiente" os 2,3 millóns de euros que Santiago recibe por este concepto, xa que "existen estudos" que cifran os gastos derivados da condición de capital autonómica en 5 millóns de euros.

"Todos pensamos que son escasos e insuficientes, pero non achega nada estar na prensa lamentándonos do que nos gustaría ter pero non temos", respondeu o rexedor, quen insistiu en que desde o Goberno local se debe tentar que o que se traslade á opinión pública "non se converta nun obstáculo para resolver os problemas".

O rexedor tirou de ironía e sinalou que as declaracións "dalgúns grupos" se poderían escribir "antes de coñecer os orzamentos", con partidas que ao seu xuízo adoecen de "inconcreción" pero que "teñen partes que están ben" e que desde o Goberno local asumen "positivamente".

"O que non podemos é andar enredando con todos os temas", matizou, quen achacou a actitude do BNG a que "necesita visibilizarse dicindo continuamente cousas" polo "gravísimo problema" que ten tras as eleccións, que deixaron o seu protagonismo na corporación "enormemente limitado".

"Pero os demais temos que ir dando paso a paso", insistiu Bugallo, quen valorou cuestións como os compromisos para acondicionar as entradas dos Camiños de Santiago ou, no centro urbano, aquelas relacionadas coa Intermodal, nas que "todo se mantén" de modo razoable.

Entre as cuestións que bota en falta, o alcalde mencionou o financiamento da Escola Oficial de Idiomas ou "unha aposta concreta de investimento" en política de vivenda, un tema do que falarán co Goberno galego. Tamén se referiu a determinados proxectos que "teñen que concretarse" para o período 2021, como a preparación das áreas de acollida de peregrinos, visitantes e turistas ou os estacionamentos de bordo.

"UNHA DEBILIDADE GRANDE"

Sanmartín considerou que o goberno municipal demostra "unha debilidade grande" ao non pór "a forza suficiente" para reclamar un aumento da partida para o estatuto da capitalidade ou para o Consorcio, un organismo que Sanmartín pide "reorientar" nas súas liñas de actuación agora "centradas na promoción turística".

En relación a isto, reclama que o Consorcio asuma un papel de "dinamización" do centro histórico para que "non se converta nun decorado" para turistas e conseguir "fixar" poboación na zona vella a través da rehabilitación de vivendas.

En definitiva, Goretti Sanmartín cre que as partidas da Xunta para Santiago viran en torno ao "mantra" do Xacobeo, evento ao que o Goberno galego "fía toda a súa estratexia" para os próximos anos.

"Agradezo moitísimo a Goretti todas as súas ideas e intencións", trasladou Sánchez Bugallo, quen instou á portavoz do BNG que traslade as súas achegas sobre o Consorcio nas reunións do consello de administración, dado que "para iso dar a oportunidade de formar parte con voz, pero sen voto".

Así mesmo, en relación á EDAR, insistiu en que non se trataba dun tema para dar a "batalla" para o próximo ano posto que "non se fará máis nada que o previsto", é dicir, darlle continuidade ao proceso de selección de proxectos. "É imposible sacar a licitación da obra no ano 2020", insistiu, posto que o obxectivo é que se poida empezar a súa execución en 2021.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta