Os futuros médicos e avogados galegos, a prol da eutanasia e do suicidio asistido

Unha enquisa entre estudantes de Medicina, Enfermaría e Dereito revela que o 84 % considera que as persoas deberían poder decidir libremente a súa propia morte.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/10/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Os futuros sanitarios e xuristas galegos están maioritariamente a prol do suicidio medicamente asistido e da eutanasia, prácticas tipificadas aínda hoxe como delitos no Código Penal español. Un estudo feito na Universidade de Santiago de Compostela, entre estudantes de Medicina, Enfermaría e Dereito revela unha “actitude positiva” xeralizada entre estes cara á eutanasia e o suicidio asistido, así como cara á súa legalización.

Ramón Sampedro
Ramón Sampedro | Fonte: TVE.

A maioría dos participantes na enquisa (84 %) considerou que as persoas deberían poder decidir libremente a súa propia morte. E o 71 % apoiou a opinión de que debería ser aceptable que outra persoa axude a alguén a morrer se llo solicita.

Entre os que defenden estas prácticas, a maioría cre que respectar a autonomía dos doentes para morrer dignamente é superior á vida, e a maioría dos que non estaban de acordo pensaban que a vida humana é máis valiosa.

Por especialidade, en xeral os estudantes de Medicina valoraron máis a autonomía do paciente que os de Dereito.

Con todo, “os resultados mostran que a actitude dos estudantes de Medicina cara á eutanasia e o suicidio asistido é positiva e similar á de estudantes de Enfermaría e Dereito”, saliéntase no estudo.

Máis detalladamente, observouse  que a porcentaxe de estudantes destas ramas a prol da eutanasia (75 %) é maior que cara ao suicidio medicamente asistido (54 %). Tamén se constatou unha maioritaria actitude positiva cara á legalización destas prácticas.

Este maior apoio á eutanasia que á morte asistida “é inusual”, xa que “contrasta cos estudos publicados anteriormente” por outros investigadores, subliñan os autores da enquisa, que deducen disto que “é esperable que axudar a un paciente para quitarse a vida sexa máis aceptable que o feito de que o médico a quite directamente”.

Sobre a lexislación, atopouse que o 62 % dos estudantes estaba informado sobre a lei e o 68 % cría que se debe cambiar para legalizar estas prácticas.

A porcentaxe de enquisados que estaban dispostos a participar en tales prácticas foi menor que os que se declararon a favor de tomar parte. Aínda así, case a metade dos enquisados declararon estar dispostos a participar en eutanasias, e unha proporción menor na morte asistida.

As cifras de estudantes dispostos a participar nestas prácticas tamén son “claramente máis altas que as descritas noutros estudos” similares feitos por investigadores doutros lugares no mundo.

Por último, atopouse que o contexto cultural, as crenzas relixiosas e a filosofía persoal están relacionados coas actitudes cara estas prácticas.

Os resultados veñen de ser publicados na Revista Bioética, nun estudo titulado ‘Actitudes hacia la eutanasia y el suicidio medicamente asistido en estudiantes universitarios españoles’, asinado polos investigadores María Sol Rodríguez Calvo, José Luis Soto, Isabel María Martínez Silva , Fernando Vázquez Portomeñe  e José Ignacio Muñoz Barús.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta