Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2019 | Actualizada ás 17:02
O lugar de Penedo, no concello ourensán de Boborás, converterase na segunda aldea modelo de Galicia para recuperar a actividade agrogandeira da contorna e transformar as terras abandonadas. Así, a zona conformará a segunda aldea modelo da Comunidade, que se suma a Osmo, na localidade tamén ourensá de Cenlle. Este atributo supón diversas actuacións na zona para contribuír á posta en valor, mellora da calidade de vida e o reforzo da prevención de incendios nas zonas próximas ás vivendas.
En concreto, recuperarase unha superficie de preto de 23 hectáreas (675 parcelas de 132 propietarios) para destinalas á pradería e á produción de cereais e de castañas. Tamén se realizarán servizos de limpeza nos terreos próximos aos núcleos de poboación para a protección da aldea fronte aos incendios forestais.
Outros terreos destinaranse á produción a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, en colaboración cos produtores interesados no seu aproveitamento, tanto agrícola como gandeiro. Con todas estas iniciativas, a Xunta explicou que a "aldea modelo suporá unha obtención de rendemento económico directo e indirecto tanto para as persoas propietarias dos terreos, como para os interesados na súa produción".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.