Xosé Manuel Núñez Seixas, Premio Nacional de Ensaio: "En Cataluña non se dan as condicións para un referendo"

O catedrático da Universidade de Santiago premia a súa obra ''Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018'.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/10/2019 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

O xurado do Premio Nacional de Ensaio propuxo ao catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Xosé Manuel Núñez Seixas para ser galardoado co Premio Nacional de Literatura na súa modalidade de Ensaio, correspondente a 2019, pola súa obra 'Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018'. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros.

O xurado elixiu esta obra "por trazar unha historia do nacionalismo español nas súas diversas correntes e manifestacións ao longo da Idade Contemporánea". "Sendo unha obra que se apoia nunha densa traxectoria de investigación, destaca polo seu esforzo de síntese e de claridade expositiva, así como polo seu rigor", engadiu.

Javier Moreno e Xosé Manuel Núñez Seixas
Javier Moreno e Xosé Manuel Núñez Seixas

CATALUÑA

Núnez Seixas considera que en Cataluña "non se dan hoxe en día as condicións para celebrar un referendo" sobre a independencia, aínda que apela á "vía do diálogo" para atopar unha solución.

"Ambas as partes cometeron erros e a única solución posible é que isto se canalice pola vía do diálogo. Pero as condicións para ese referendo agora non existen porque non hai un contexto como o de Escocia, por exemplo, con mecanismos pactados", sinalou o investigador.

Núñez Seixas apelou a discutir esta situación "lonxe das paixóns, non na rúa nin na confrontación", á vez que aborda a cuestión de se Cataluña é unha nación. "Só o sería na medida que haxa unha maioría cualificada de cataláns que o crea. Eu miro o que pensa a xente", sinalou.

Núñez Seixas recoñece que o nacionalismo é "un fenómeno complexo" —"nacionalistas eran tanto Garibaldi como Hitler, por exemplo"— e, por tanto, pode haber determinados tipos deles. "Ás veces os nacionalismos son execrables, pero outras acompañan a revolucións liberais achegando algúns avances", apuntou.

Tamén no caso de España, onde ao seu entender o nacionalismo comezou as guerras antinapoleónicas, "prodúcese unha constante disputa" desde hai 200 anos. "Pero España non é ningún caso excepcional, hai moitas outras comunidades políticas modernas que ao longo dos séculos levan sufrindo cambios de fronteiras, escisións...", concluíu.

PERFIL

Núñez Seixas (Ourense, 1966) é doutor en Historia Contemporánea polo Instituto Universitario Europeo de Florencia, catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela (en excedencia) e, desde outubro de 2012, catedrático de Historia Contemporánea de Europa na Universidade Ludwig-Maximilian de Múnic.

Entre os seus títulos figuran 'Fuera el invasor! Nacionalismos y mobilización bélica durante la guerra civil española, 1936-1939' (2006); 'Imperios de muerte. La guerra germano-soviética, 1941-1945' (2007); 'Patriotas y demócratas. El discurso nacionalista español después de Franco' (2010) ou 'Camarada inverno: experiencia y memoria de la División Azul, 1941-1945' (2016). É tamén coordinador da ambiciosa Historia Mundial de España (2018).

Núñez Seixas é membro do Arquivo de Emigración (Consello de Cultura Galega), así como membro do consello de redacción e do consello asesor de numerosas revistas, nacionais e internacionais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

catedrático de Historia Contemporánea na USC en excedencia Lástima de bois (?)