Xornada imprescindible do ‘outono códax’ en Compostela

Este sábado 9 de novembro o ciclo retomará a súa andaina cun completo programa no que haberá unha charla-coloquio, sesión vermú e dous grandes concertos a cargo de The Reverend Shawn Amos & The Brotherhood e Los Torontos.

Por X.M. Fernández | Santiago de Compostela | 08/11/2019 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A Sala Riquela acollerá pola mañá unha charla-coloquio ás 11:30 h. baixo o título “A música moderna en Santiago de Compostela (1954-1978)”. O protagonista será Alfonso Espiño, músico e historiador que vén de recibir recentemente un “sobresaliente cum laude” na USC pola súa tese doutoral sobre a música moderna en Santiago. Despois da charla, ás 13:30 h. ofrecerá un concerto na mesma sala.

Alfonso Espiño en concerto: Foto: Organización Outono Códax
Alfonso Espiño en concerto: Foto: Organización Outono Códax

E pola noite, unha gran cita na Sala Capitol. Actuarán, a partires das 20:30 h. a banda estadounidense The Reverend Shawn Amos & The Brotherhood, o combinado barcelonés, arxentino e canadiense Los Torontos que aterrarán cun dos seus frenéticos directos cheos de rock´n roll, frat rock, surf music e pop dos anos 60.

The Reverend Shawn Amos & The Brotherhood chega por primeira vez a Galicia no marco do festival co seu contundente e emocional directo, unha viaxe a tempos pretéritos, a unha tenda de campaña evanxélica chea de fe enerxética lista para converter aos máis obstinados coa mensaxe do “Reverendo”, cargado sempre dun blues fondamente alegre e de melodías que farán bailar a todas e todos os fans do Outono Códax.

Los Torontos son unha formación que bebe das fontes da música de principios dos 50 e primeiros dos 60. Con base en Barcelona e integrada por Agustí Burriel (Velvet Candles), Spencer Evoy (MFC Chicken), El Lega (Legacaster), Xavi Ruiz (Los Locos del Oeste) e Berto Martínez (The Kabooms) practican un rock´n roll sen concesións mesturado con rhythm&blues e frat rock, unha combinación que converte os seus concertos nunha festa sen final na que se atopan referencias como The Wailers, The Sonics, Lee Dresser, The Sheppards, Sam The Sham, Chuck Berry e Johnny Guitar Watson.

Aqueles que queiran continuar a festa poden achegarse á Sala Riquela na que haberá unha ‘pinchada’ a cargo do DJ Mr. Fishman.

Sala Capitol no concerto de 'The Rhum Runners'. Foto: Organización Outono Códax
Sala Capitol no concerto de 'The Rhum Runners'. Foto: Organización Outono Códax

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta