O conselleiro de Industria critica o anuncio do Goberno do inicio de construción do estaleiro 4.0

Francisco Conde lembrou que a ministra de Defensa estivo esta semana en Galicia e afeoulle que "tivo unha magnífica oportunidade para comprometerse con Navantia e darlle a resposta que necesita".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2019 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, criticou como "o último" anuncio "da campaña" o relativo á construción da primeira fase do 'estaleiro 4.0' para Navantia, á vez que advertiu de que neste estaleiro non haberá carga de traballo, segundo os seus datos, ata o ano 2022.

Nunha entrevista á Radio Galega recollida por Europa Press, Conde vinculou coa campaña electoral a aprobación por parte da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), que anunciou este venres o alcalde de Ferrol, do PSOE. "Temos un Goberno que volve pór diante os seus intereses partidistas fronte aos intereses de Galicia", censurou.

Respecto diso, lembrou que a ministra de Defensa estivo esta semana en Galicia e afeoulle que "tivo unha magnífica oportunidade para comprometerse con Navantia e darlle a resposta que necesita".

Esa resposta, segundo subliñou o titular de Economía da Xunta, "sábese que pasa por carga de traballo". Así mesmo, atribuíu a situación actual a que "o propio Goberno atrasou o inicio da construción das fragatas e por tanto estará ata 2022 sen carga de traballo". "Ese é o verdadeiro problema", apostilou.

Así, remachou que "lamentablemente Navantia non terá carga de traballo ata o ano 2022 e por tanto este tipo de anuncios, o último da campaña, é simplemente un desvío da atención para non asumir as propias responsabilidades e o propio compromiso que debería ter un Goberno responsable cun sector naval, neste caso con Navantia".

"Mentres non chegue" esa carga de traballo, agregou o conselleiro, "non haberá solución a curto prazo e por tanto non se estarán respondendo as necesidades inmediatas que ten o estaleiro".

Entrada do estaleiro Navantia en Ferrol.. EUROPA PRESS - Arquivo
Entrada do estaleiro Navantia en Ferrol.. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta