A Xunta destina 1,2 millóns para "embelecer" as distintas rutas do Camiño

O Goberno galego segue investindo no Xacobeo e deixando de lado actuacións de mellora do patrimonio galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2019 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

O Goberno galego destinará 1,2 millóns de euros para, coa vista posta no próximo Xacobeo 2021, acometer actuacións paisaxísticas e "embelecer" as distintas rutas do Camiño de Santiago. As actuacións deberán realizarse a partir do 1 de xaneiro de 2020.

Segundo explicou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, ao termo da reunión semanal do seu Executivo, esta convocatoria de axudas vai dirixida tanto a entidades municipais con infraestruturas públicas que "poidan e deban ser melloradas" como a persoas físicas e xurídicas.

O obxectivo é seguir mellorando as distintas rutas e "toda a contorna" dos Camiños tanto para o próximo Ano Santo 2021, como para as seguintes citas xacobeas de 2027 e 2032.

"Imos insistir en que os Camiños de Santiago sexan o cartón de presentación de Galicia", sentenciou Feijóo, quen repasou as distintas medidas xa adoptadas para preservar as rutas nos seus distintos percorridos pola comunidade.

LIÑAS DE AXUDA

En canto ás novas axudas, contarán con dúas categorías e a primeira estará dirixida a actuacións propostas por entidades locais, incluíndo os concellos polos que pasa o Camiño de Santiago, así como deputacións ou mancomunidades, sempre que teñan competencias para a actuación proposta. Permitirá financiar un mínimo de 40 actuacións e contará cun orzamento de 600.000 euros.

En canto á segunda liña, financiará un mínimo de 60 actuacións, contará cunha dotación de 600.000 euros e está dirixida a persoas físicas ou xurídicas privadas titulares dun dereito real sobre un ben moble, inmoble, recurso ou elemento situado no Camiño ou aos arrendatarios destes bens.

Tamén se inclúen comunidades de propietarios, asociacións de veciños ou comunidades de montes veciñais mancomunados. O presidente explicou que o Goberno galego financiará o 75 por cento das intervencións cunha cantidade máxima de 15.000 ou 10.000 euros, en función de se se trata dunha entidad local ou dunha persoa física ou xurídica.

ACTUACIÓNS

No que respecta ás actuacións obxecto destas axudas, hai cinco categorías. As tres primeiras son intervencións sobre elementos etnográficos (como hórreos) e a súa contorna; actuacións sobre vivendas con materiais da zona; e intervencións no espazo agrario para reducir o impacto visual que xeran elementos en desuso ou abandonados sen interese patrimonial ou paisaxístico.

As dúas categorías restantes correspóndense con actuacións para incorporar a vexetación como elemento integrador da paisaxe, e actuacións nos trazados do Camiño co fin de substituír elementos no mobiliario urbano que resulten alleos á contorna da ruta xacobea.

Camiño de Santiago
Camiño de Santiago | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Courelois

Son eu ou o Xacobeo é a única prioridade da DesconXunta Galicia? Haberá que inventar un camiño máis que pase pola porta da miña casa... (práctica moi usada e abusada dende o 1993 pra apañar subvencións). Fraga e Portomeñe + Opus do Beccaría = XacoXunta del Noroeste Españolcatólico.