As obras de ampliación do Hospital de Montecelo, en Pontevedra, empezarán a mediados de 2020

Feijóo anuncia o inicio dos trámites contratación destas obras, cuxa primeira fase suporá un investimento de case 115 millóns.

Por E.P. | Compostela | 21/11/2019 | Actualizada ás 15:13

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves o inicio dos trámites de contratación das obras de ampliación e reforma do Hospital 'Gran Montecelo', en Pontevedra, cuxa primeira fase suporá un investimento de case 115 millóns de euros. A previsión é que as obras se empecen a executar a mediados de 2020.

Ao termo do Consello da Xunta, Feijóo remarcou que, con este paso, dáse saída "a unha das licitacións máis importantes da lexislatura". A ampliación do centro sanitario pontevedrés, reivindicou, permite "ir coroando" o sistema público de saúde galego no que respecta aos hospitais.

Esta primeira fase consistirá na construción dun novo edificio hospitalario, dotado dunha superficie de case 75.000 metros cadrados, distribuídos en 10 plantas e composto por un primeiro volume, destinado a servizos ambulatorios, que actuará como zócalo dun segundo que albergará as áreas de hospitalización.

A segunda fase consistirá na reforma do actual edificio hospitalario, cun investimento de aproximadamente 25 millóns. Cun desembolso total de 140 millóns, Feijóo subliñou que o 'Gran Montecelo' contará con espazos máis acolledores en áreas máis sensibles como a diálese, o hospital de día de oncoloxía, coidados paliativos ou a zona materno-infantil. Entre outras novidades, case o 60 por cento das habitacións serán individuais e aumentará nun 92 por cento o número de salas e postos de urxencias.

PROXECTO SECTORIAL

Feijóo resaltou que a Xunta aprobou xa o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do complexo hospitalario e está a finalizar as expropiacións, que supoñen un investimento adicional de 3,8 millóns por parte do Concello de Pontevedra.

Concluíu destacando que o 'Gran Montecelo' prestará servizo a 26 concellos e a 300.000 persoas durante os próximos 50 anos, dando por culminada a renovación "completa" dos hospitais do Servizo Galego de Saúde.

Hospital de Montecelo, en Pontevedra
Hospital de Montecelo, en Pontevedra | Fonte: aldhos.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta