A Xunta destaca que agora os galegos non emigran, senón que volven

Non ten en conta os miles de mozos que marchan fóra na procura de oportunidades e insiste en que este será "o século do retorno".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2019 | Actualizada ás 19:30

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, deu a benvida este martes aos representantes da diáspora reunidos no XII Consello de Comunidades Galega, aos que pediu que exerzan de "embaixadores" do próximo Ano Santo e ante quen apelou a buscar "fórmulas de agrupamento" que garantan a supervivencia das entidades galegas esparexidas polo mundo.

"Todos vós e a quen representades --máis de medio millón de galegos residentes fóra de España, así como aos máis de 330.000 que residen noutras comunidades-- sodes a mellor imaxe e a máis universal do noso pobo", proclamou o dirixente autonómico, quen, do mesmo xeito que fixo o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na inauguración da mañá, fixo especial fincapé no retorno.

"Hoxe a Galicia veñen, non marchan", subliñou Miranda, quen insistiu en que, igual que o século XX "foi o século da emigración", leste será "o século do retorno". Neste escenario, repasou o contido da 'Estratexia Retorna' e os seus obxectivos --xa detallados por Feijóo-- encamiñados a "atraer talento" e contribuír a afrontar o reto demográfico.

Ademais, desde o último Consello celebrado fai tres anos na Habana, defendeu que Emigración dedicou "máis do 60 por cento do seu orzamento" a políticas sociais, cubrindo "as necesidades básicas de moitísimos paisanos, especialmente de quen residen en países que atravesan situacións de inestabilidade política e social, como pode ser Venezuela".

"Bastan un par de pinceladas para comprender a magnitude da emerxencia que vive esta nación, e que algúns se empeñan en negar: só en 2018 destinamos máis de 2,2 millóns de euros aos galegos de alí; e nese mesmo ano máis de 3.000 familias galegas recibiron algún tipo de prestación social da Secretaría Xeral, coa previsión de que a cifra aumente ata as 4.000 familias neste 2019", subliñou.

Feijóo e Fedrico Trillo, embaixador de España no Reino Unido, nun acto no Centro Galego en Londres
Feijóo e Fedrico Trillo, embaixador de España no Reino Unido, nun acto no Centro Galego en Londres | Fonte: cronicasdelaemigración.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta