Néstor Rego reclama compensacións para os mariñeiros afectados polo 'Blue Star'

O deputado do BNG no Congreso avanzou que nas próximas semanas presentará unha proposición de lei para a transferencia a Galicia de Salvamento Marítimo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2019 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

O deputado do BNG, Néstor Rego, presentou este xoves no rexistro do Congreso varias preguntas escritas dirixidas ao Goberno para saber o estado "real" do buque 'Blue Star', varado na costa de Ares, así como para reclamar compensacións económicas para os traballadores do sector pesqueiro e marisqueiro que se poidan ver afectados por este accidente.

Así, Rego preguntou tamén que medidas, "se é que se adoptou algunha", se tomaron desde Salvamento Marítimo no período no que o buque quedou á deriva e embarrancou na costa.

O goberno estatal, denunciou, "privatizou nada menos que a xestión da operación de rescate", permitindo que "cada armadora contratase a unha empresa privada" para "facerse cargo da responsabilidade absoluta do proceso de rescate".

Tras "varios intentos frustrados de retirada" do lugar onde quedou varado, esta opción "foi rexeitada ao romper as estachas de remolque". "Por certo, sen ningunha medida de precaución --como barreiras anticontaminación ou sistemas de bombeo-- en caso de vertedura mentres se realizaban os intentos errados de remolque", afirma o deputado nacionalista.

Por outra banda, Néstor Rego apuntou que, actualmente, o perímetro de seguridade establecido ao redor do buque "impide a actividade da frota que habitualmente faena nestas augas", o que está "a ocasionar graves prexuízos económicos, especialmente significativos nunhas datas de alta actividade pesqueira e marisqueira", sen que, polo momento, "se mantivesen reunións ou outras vías de información coas confrarías, entidades ou agrupacións do sector".

Finalmente, o deputado do BNG no Congreso avanzou que nas próximas semanas presentará unha proposición de lei para a transferencia a Galicia de Salvamento Marítimo.

O buque 'Blue Star' na costa de Ares.. JOSE R. MONTERO
O buque 'Blue Star' na costa de Ares.. JOSE R. MONTERO | Fonte: EUROPA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta