A Xunta saca a concurso solo para 1.439 vivendas protexidas

As vivendas protexidas cualificadas de forma definitiva desde 2016 son 222 e o PSdeG tacha os datos de "paupérrimos"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2019 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

A Xunta sacará a concurso a próxima semana un total de 24 parcelas para facer 1.439 vivendas protexidas nos municipios da Coruña, Ferrol, Lugo e Pontevedra.

A adxudicación farase tanto en réxime de compravenda como en dereito de superficie, "a primeira vez que se utiliza en Galicia", coa intención de promocionar a vivenda en aluguer, con "un período mínimo de 30 anos".

Diso informou este xoves no Parlamento galego o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, quen explicou que para a adxudicación priorizaranse as promocións que se destinen a aluguer sobre as de compra.

A repartición das 1.439 vivendas protexidas é o seguinte: A Coruña (518), Ferrol (414), Lugo (370) e Pontevedra (137).

DATOS DOS ÚLTIMOS ANOS

Na comisión de Ordenación Territorial, o responsable do IGVS informou de que entre 2016 e o primeiro semestre de 2019 se cualificaron provisionalmente 192 vivendas protexidas e 222 de forma definitiva.

Ademais, Heriberto García queixouse de que "está á espera" de que o Concello de Vigo aprobe a modificación do Plan Parcial para a creación de 1.600 vivendas en San Paio de Navia.

Respecto diso, a deputada socialista María Pierres tachou estes datos de "paupérrimos", polo que critica unha resposta da Xunta "totalmente insuficiente" ao ritmo de crecemento de cinco demandantes novos ao día de vivenda.

"VETO" AO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Por outra banda, nesta comisión Luís Bará (BNG) pediu explicacións á Xunta polo "veto" ao Consello da Cultura Galega na tramitación da lei de rehabilitación, así como polo informe deste organismo no que alerta de que a norma "modifica o réxime de protección de patrimonio cultural galego" ao afectar a conxuntos históricos e bens con valores etnolóxicos, entre outros.

Bará tachou de "chapuza xurídica" esta lei, xa que tras ser aprobada en abril inclúense cambios na lei de acompañamento debido á súa "inseguridade xurídica".

En resposta, Heriberto García asegurou que "en ningún caso se vetou a participación do Consello da Cultura Galega", mentres defendeu que foi unha lei na que houbo un amplo proceso participativo. Sobre o informe do Consello da Cultura Galega, afirma "non compartir a análise" e observa "certas confusións nas interpretacións que se recollen", dado que "o réxime de protección non se modifica", pois cada ben "segue tendo a protección que lle corresponde".

O responsable do IGVS garante que a lei só permite actuacións autorizables "mínimas" sen que poidan afectar os valores merecedores de protección, ademais de requirir a autorización do concello correspondente

SITUACIÓN DE FAMILIA DE VIGO

O director xeral do IGVS respondeu unha terceira pregunta nesta xornada sobre a situación dunha familia de Vigo --con dúas fillas menores-- que cobra a Risga e ten dificultades para pagar o aluguer. Informa de que a Xunta lle facilitou unha vivenda na Cañiza, que foi adxudicada esta mesma semana. Ademais, concedéuselle en outubro un bono de aluguer prorrogable durante seis anos.

O deputado de Común da Esquerda Antón Sánchez censurou que "nin o Concello nin a Xunta lles achega solucións na cidade de Vigo", un municipio "con miles de vivendas baleiras". Así, recrimina que "é un fracaso" que só se lle puido outorgar vivenda a esta familia a "58 quilómetros de onde viven, con dúas fillas escolarizadas".

Heriberto García xustificou que "non hai vivendas dispoñibles" en Vigo porque o Concello "se nega a participar de forma activa" na procura de solucións.

O director do IGVS, Heriberto García, en comisión parlamentaria
O director do IGVS, Heriberto García, en comisión parlamentaria | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta