Enfermeiras concéntranse en Galicia para reclamar "condicións dignas" para unha "boa atención" aos pacientes"

Continúan coa iniciativa #12meses12loitas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2019 | Actualizada ás 16:01

Comparte esta noticia

Enfermeiras e enfermeiros concentráronse este xoves en hospitais e centros de saúde de Galicia no marco da iniciativa #12meses12loitas, promovida polo colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, para reclamar "condicións dignas" para poder ofrecer aos pacientes unha "boa atención".

Concentración de enfermeiras na Coruña
Concentración de enfermeiras na Coruña | Fonte: @RebelinAluminio.

Un dos representantes do colectivo, Jorge Novo, explicou que, como cada día 12 ás 12,00 horas, volveron concentrarse para defender unhas "condicións dignas" laborais nesta ocasión cunha mobilización centrada no paciente.

Así, explicou que "non é o mesmo que unha enfermeira dun centro de saúde che faga a cura todos os días" que varias diferentes porque "é difícil facer seguimento". Neste sentido, insistiu en que o cambio de profesional "non favorece que os coidados sexan os mellores".

Este colectivo subliña que non é o mesmo ter unha enfermeira para 15 pacientes que para 10. Respecto diso, incidiu en que Galicia presenta "o terceiro peor cociente de enfermeiras por 100.000 habitantes" de España, país que se sitúa "á cola de Europa". 

Neste sentido, Enfermeiras Eventuais en Loita insiste en que unhas "mellores condicións laborais repercuten nos pacientes". "Repercute na calidade que lle dás", abundou Novo.

Por iso, insistiron en que seguirán o próximo ano coas mobilizacións os días 12 de cada mes ás 12,00 horas ao non haber "ningunha resposta por parte do Sergas". "Pedimos unhas boas condicións laborais para dar uns bos coidados aos pacientes", sentenciou o colectivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta