A nova versión do 'Corpus Documental do Galego' supera os 40 millóns de palabras e 25 horas de transcricións

Conta con traballos que se estenden desde o ano 1975 ata a actualidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2019 | Actualizada ás 19:16

Comparte esta noticia

A nova versión do 'Corpus Documental do Galego Actual', unha ferramenta lingüística en liña que representa e plasma o uso do idioma na actualidade, xa supera os 40 millóns de palabras e inclúe 25 horas de transcricións ortográficas de programas de radio nas que se aliñan texto e voz. Esta actualización do 'Corga' foi presentada este luns na sede do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, coa presenza entre outros do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O corpus está integrado por distintos tipos de textos, desde xornais e semanarios ata ensaios e obras de ficción, que se estenden desde o ano 1975 ata a actualidade. A amplitude de documentos que abarca e os criterios empregados na súa selección permiten consideralo como referencia e representativo do uso lingüístico do galego.

Entre as principais novidades que inclúe nesta versión, a Xunta destaca a visualización da información recuperada en forma de expresións coincidentes, de modo que os resultados iguais redúcense a un; e a presentación, a modo de dicionario de frecuencias ou listaxes personalizadas de formas, etiquetas e lemas.

Política Lingüística incide, deste xeito, na "flexibilidade e potencialidade" da aplicación de consulta, a través de diferentes variables clasificatorias dos documentos e diversas modalidades de procura.

García situou ao Corga como un dos proxectos de investigación "que se centran en darlle cumprimento" á misión do Centro Ramón Piñeiro que apunta, entre outras finalidades, ao "deseño e desenvolvemento de recursos informáticos que axuden á incorporación da lingua galega ao mundo das tecnoloxías da información e da comunicación".

Acto de presentación da actualización do Corga. XUNTA
Acto de presentación da actualización do Corga. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta