Por X.M. Fernández | Ourense | 21/12/2019 | Actualizada ás 10:00
A Gala contra o Cancro de Ourense volve este ano para celebrar a súa sétima edición.
Na conferencia de prensa de presentación, que tivo lugar na sede da Asociación Española contra o cancro de Ourense, Dora Gómez, Presidenta de AECC en Ourense quixo exemplificar a importancia do destino da recadación “a través dun programa de axudas económicas para emerxencias sociais que están presentes na provincia e que poden agravar a súa situación cun diagnostico oncolóxico”.
Pola súa parte, David Rodríguez, organizador e presidente da Asociación Xuvenil Cultural As Canellas, destacou que “conseguimos conformar un cartel cunha exquisita calidade melódica” e aproveitou tamén para reivindicar necesidades de apoio “chámame a atención que a maioría dos concellos de España non poñen trabas administrativas nin cuotas de pago para a realización de eventos solidarios organizados por entidades sen ánimo de lucro. Convido á reflexión e agardamos que isto poda mudar nun futuro non moi lonxano”.
A VII edición da Gala contra o cancro estará marcada por unha ampla variedade musical. Estará o grupo De Vacas e a intérprete Patricia Moon, que ofrecerá un adianto dos seus últimos éxitos, con interpretación virtuosa de violín e piano tras regresar dunha exitosa xira por Europa. Os artistas Davide Salvado e Antonio Luz representarán á música tradicional e a Academia de Danza Fusión encargarase do apartado de baile. Os presentadores da gala serán Rubén Riós e Beatriz Serén.
As últimas entradas están disponibles na venda anticipada na Asociación Española contra o cancro de Ourense, na rúa Curros Enríquez, 26, 1º esquerda, cun custe de 5 euros anticipada e de 8 euros na billeteira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.