Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2019 | Actualizada ás 20:53
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, anunciou este venres a presentación ante a Comisión de Peticións da Eurocámara dunha solicitude para que envíe unha misión oficial (Fact Finding Visit) a Galicia para investigar o impacto da "megaminería contaminante".
Esta misión oficial, explicou o BNG, ten por obxectivo coñecer in situ as súas instalacións, así como as consecuencias que ten a posible reapertura da minaría ao descuberto tanto desde o punto de vista ambiental como desde o punto de vista económico e social.
"É fundamental que unha delegación de eurodeputados visiten as instalacións da mina de Touro, de forma similar a como hai anos se organizou unha visita ás rías galegas", destacou a portavoz do Bloque no Parlamento Europeo.
Ana Miranda lembrou que, na sesión da Comisión de Peticións do pasado 12 de novembro —na que se trataron tres denuncias sobre a mina de Touro—, a organización dunha misión de investigación a Galicia foi defendida tanto pola vicepresidenta da Comisión de Peticións, Tatjana Zdanoka, como polas eurodeputadas Magrette Auken e Diana Riba.
Ao respecto, resaltou a importancia de que as tres denuncias presentadas por representantes da Plataforma veciñal Mina de Touro O Pino NON, Cova Crea e Petón do Lobo, conseguiron o apoio da maioría dos grupos políticos con representación na Comisión parlamentaria. "Este apoio dos diferentes grupos é fundamental para que as denuncias quedasen abertas e a Comisión de Peticións tome estes asuntos en consideración", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.