O Pan Galego consegue a denominación de calidade da Unión Europea

No Rexistro Comunitario da Indicación Xeográfica Protexida xa consta este produto que nunca falta nas mesas galegas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2019 | Actualizada ás 11:03

Comparte esta noticia

O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publica este luns a inscrición definitiva no Rexistro Comunitario da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego. Así, o regulamento da Comisión polo que se produce a inscrición do IGP entrará en vigor dentro de 20 días e, para entón, o Pan Galego contará xa con esa protección no ámbito europeo para todos os efectos.

A Consellería de Medio Rural, a través dun comunicado, agradeceu "todo o traballo e esforzo" que supuxo ao sector "consolidar o seu produto", dando así por finalizada unha "vella aspiración dos panadeiros galegos", organizados a través da Federación Galega de Panadarías (Fegapan).

Neste sentido, a posta en marcha desta nova indicación, explicou a Xunta, supón unha "oportunidade para protexer e pór en valor este produto tan típico da gastronomía galega, conservando as características típicas e as materias primas" da comunidade.

As características que deberá ter o pan para poder acollerse a esta Indicación están recollidas no correspondente prego de condicións. Trátase dun pan de cortiza dura e crocante, faragulla esponxosa e alveoalado abundante e irregular, que se elabora de forma artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte --polo menos o 25% do total-- debe proceder de trigos cultivados en Galicia, pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos.

Ademais, a súa elaboración caracterízase pola utilización de masa nai e dunha elevada cantidade auga, así como polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos de pedra ou outros materiais refractarios.

Pan de Cea
Pan de Cea | Fonte: madridtienemiga.wordpress.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta