Puy cre que os Franco "deberían asumir" que as estatuas "non lles corresponden"

"Se non hai sentido común, hai que ir á xustiza, confiar nela e expor ben as cuestións", asegura.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/12/2019 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, considerou que a familia Franco "debería de asumir que non lle corresponde ostentar a propiedade" de bens como as estatuas do Mestre Mateo ou o Pazo de Meirás.

"Hai vías máis sinxelas que a xustiza se houbese un pouco de sentido común pero, se non hai sentido común, hai que ir á xustiza, confiar nela e expor ben as cuestións que non son fáciles", manifestou ao ser preguntado este venres polo fallo da Audiencia Provincial de Madrid que volve dar a razón á familia do ditador en relación ás estatuas de Abraham e Isaac.

Respecto diso, o dirixente popular lembrou que o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mostrou o xoves a disposición do Goberno galego a "apoiar" o Consistorio no recurso para "tentar que as figuras sexan devoltas ao seu propietario, que é o Concello de Santiago".

Ademais, tamén mostrou a súa confianza na demanda imposta polo propietario do Pazo de Meirás, que "é a Administración xeral do Estado" tendo en conta que, conforme sinalou, os "expertos que fixeron o informe" entenden que é "un ben que non é susceptible de ser apropiado pola familia, nin sequera polo seu uso prolongado no tempo", indicou.

"O último camiño é a xustiza, salvo que lle entrase algo de sentido común á familia que, en relación con estas cuestións, parece que non o ten. Non ten sentido común da historia nin do que significa en termos históricos que determinados bens sexan propiedade dunha familia", resolveu.

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, acompañado polos viceportavoces no almorzo informativo do Grupo Parlamentario Popular
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, acompañado polos viceportavoces no almorzo informativo do Grupo Parlamentario Popular | Fonte: Europa Press

ELECCIÓNS AUTONÓMICAS

Así mesmo, o portavoz parlamentario do PPdeG asegurou que o seu grupo traballa na Cámara galega coa "perspectiva" de que as eleccións autonómicas "sexan no outono" de 2020, cando se cumpran catro anos dos comicios celebrados o 25 de setembro de 2016.

"Nós estamos a traballar coma se fosen ter lugar cando teñen que ter lugar e non hai ningún indicio que nos faga pensar noutra cuestión", manifestou este a o ser preguntado pola data. Na súa intervención, o dirixente popular lembrou que a "capacidade de convocar" é unha das "poucas decisións personalísimas" das que goza o presidente da Xunta e mostrou a súa "confianza" na opción pola que se decida, no seu momento, Alberto Núñez Feijó.

"Confío na decisión que adopte o presidente e, se o que me pregunta é o que penso eu, é que aquí imos ter un período de sesións completo, intenso de traballo lexislativo e que o grupo vai aproveitar non só para apoiar esas normas e defender a acción de goberno, senón para comezar a traballar nun proxecto programático e político adecuado ás circunstancias do próximos catro anos", subliñou.

O PROXECTO QUE "MÁIS SE APROXIMA" A GALICIA

Preguntado polo momento no que Feijóo despexará a incógnita sobre se se volve presentar ás eleccións á Presidencia da Xunta, Pedro Puy considerou que esta será unha "cuestión" que se verá "ao longo do período de sesións". "Creo que non lle imos dar tanta emoción a este período de sesións", chanceou.

Tras iso, sostivo que, pese ao contexto global de desalineación coas forzas políticas que a xente tradicionalmente votaba, en Galicia o Partido Popular está en condicións de afrontar estes comicios "con confianza".

E é que, conforme indicou, a proposta que presente o PP, "do mesmo xeito que no pasado, é "a que máis se aproxima a Galicia e ao que entendemos que é o sentir xeral de Galicia". "Cremos na nosa proposta e na nosa acción ao longo de todos estes anos, que nos vai permitir afrontar os comicios con confianza", apuntou.

COMISIÓNS DE INVESTIGACIÓN

Tamén asegurou este venres que espera que antes de que "termine o próximo período de sesións" haxa "novidades" con respecto ás comisións de investigación pendentes de informe.

En concreto, na Cámara galega permanecen pendentes da publicación das súas conclusións as comisións de investigación postas en marcha nesta lexislatura sobre o accidente de Marisquiño e a situación da sanidade. Ademais, tampouco se deron a coñecer as relativas á comisión de investigación sobre a fusión das antigas caixas galegas que desenvolveu a súa actividade no pasado mandato.

Respecto diso, Pedro Puy xustificou o atraso na elaboración destes documentos ao asegurar que no Parlamento de Galicia "trabállase moitas horas sobre temas de actualidade ou de futuro inmediato", cuestión que "implica" que se "atrase un pouco máis" aquelas que teñen que ver "coa análise do pasado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 CastelaoPaSogama

Que empece dando exemplo. Cando papá é profe de universidade, é moi probable, vista a corrución da universidade española que o fillo, tamén profe, non obtivera a praza por méritos propios, senón por endogamia. Que comece el renunciando á praza, que polo que di tampouco lle corresponde.