Pecha sen candidatos a convocatoria para cubrir os postos de pediatra en Verín

A Xunta condicionara a reapertura do paridoiro deste centro hospitalario á cobertura deses dous postos.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 08/01/2020 | Actualizada ás 12:08

Comparte esta noticia

O prazo da convocatoria para cubrir dúas prazas de pediatra para o Hospital Comarcal de Verín concluíu na medianoite deste martes sen candidatos. A Xunta condicionara a reapertura do paridoiro deste centro hospitalario á cobertura deses postos.

Fontes da xerencia sanitaria de Ourense explicaron a Europa Press que a convocatoria se pechou a medianoite e non se recibiu ningunha solicitude para cubrir esas dúas prazas. No entanto, puntualizaron que queda constatar se por correo ordinario se presentou algunha "en prazo" na tarde do martes e se recibe proximamente.

Así, ata a data o prazo da convocatoria dos dous prazos pechouse sen aspirantes á espera de confirmar a xerencia ourensá nos próximos días se chega por correo ordinario ou por parte dalgún rexistro comunicación dalgunha solicitude presentada en prazo.

A convocatoria destas dúas prazas, que quedaron desertas en xuño, fora anunciada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o pasado 12 de decembro e publicada ese mesmo xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG).

De feito, o titular da Xunta, tras o anuncio desa convocatoria, abrira a posibilidade de "reactivar" o servizo de paridoiro no Hospital Comarcal de Verín "se hai pediatras" como recomendan os obstetras e profesionais de Pediatría da área ourensá.

"Se temos pediatras en Verín e nos din que volvemos dar as condicións de seguridade no parto e na atención aos nenos, volveremos rehabilitar o acto concreto do parto no hospital comarcal, que son 60 actos de parto ao ano", asegurou Feijóo, quen atribuíu o peche dese paridoiro a unha "decisión sanitaria".

As matronas protestan contra do peche do paridoiro de Verín.
As matronas protestan contra do peche do paridoiro de Verín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta