Berros de "Viva España" e "Viva o rei" nas protestas da ultradereita en Galicia

Tensión na concentración de Santiago, onde un grupo de mozos increpa aos manifestantes: "Non, non, non pasarán!"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2020 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

"Viva España!" e "Viva o Rei!" foron algúns dos berros lanzados este domingo desde os principais municipios galegos. Fronte ás prazas dos seus respectivos concellos, decenas de persoas --mesmo centenares, no caso da Coruña-- secundaron as protestas convocadas ao mediodía pola plataforma 'España Existe', seguidas principalmente por Vox, co obxectivo de "facer fronte á ameaza dun Goberno en mans do separatismo".

Os actos viraron ao redor da lectura dun único manifesto, igual para toda España, e que "une a todos os españois" en base á "soberanía e Constitución", tal e como o explicou a que foi cabeza de lista de Vox para a Alcaldía de Ourense, María Jesús Fernández, a encargada de ler o panfleto na cidade das Burgas.

Os presentes concentráronse, tal e como versaba o manifesto, para "esixir ao Goberno de España --que se conformará esta semana con membros do PSOE e Unidas Podemos-- que, tal e como prometeu, combata aos inimigos da orde institucional".

Neste punto da súa declaración pediron entre aplausos e aclamacións que "o presidente do Goberno traia detido ao golpista Puigdemont" e tamén "ao condenado Quim Torra en defensa da unidade de España". Neste sentido, dixeron entender que "dentro de España caben todos menos os que queren romper o marco de convivencia utilizando as institucións para os seus intereses de partido".

OS VOTANTES DE ESQUERDAS, "OS MÁIS ESTAFADOS"

No marco da "defensa da concordia nacional", chamaron tamén aos votantes de formacións historicamente de esquerdas, porque consideran que "eles son hoxe os máis estafados".

Ademais, o texto defende unha España "que non sente vergoña da súa identidade", que "non rexeita a súa épica nin a súa historia" e que é froito do "esforzo e sacrificio" dos seus antepasados". "Cun patrimonio e unha soberanía hoxe ameazados por un Goberno en mans do separatismo", denuncia.

"O que hoxe nos une non son as ideoloxías, o que hoxe nos une aquí é España, a nosa soberanía e a nosa Constitución. O noso amor polo que somos e non poden arrebatarnos. España existe e non é un mito; non somos froito de ideas dun laboratorio", versa o manifesto.

A convocatoria da plataforma 'España Existe' estivo aberta a toda a sociedade civil e a todos os "partidos políticos leais a España". No caso de Ourense, reuniu a unhas 70 persoas, na súa maioría afíns a Vox e ataviadas con bufandas e bandeiras españolas. A concentración finalizou de maneira tranquila baixo o lema "España existe e existirá" e despois de que os presentes coreasen un "Viva España e viva o Rei!".

TENSIÓN EN SANTIAGO

En Santiago de Compostela, a emblemática Praza do Obradoiro, fronte ao Pazo de Raxoi, foi o enclave escollido para a protesta, na que participaron unha trintena de persoas. A encargada de ler o manifesto foi o número dous de Vox pola provincia da Coruña nas pasadas eleccións xerais, Marta Carreira.

A concentración na capital galega, que non foi tan secundada como as de cidades como A Coruña ou Ourense, estivo marcada pola tensión entre os participantes e un grupo de mozos que acudiu ata o mesmo lugar para contraprogramarla.

Cando a integrante de Vox comezou a ler o manifesto, a contraprotesta comezou a chamalos "fachas" e "ridículos" e a pedirlles que se marchasen. Foi nese preciso momento no que se produciu un pequeno achegamento entre membros dos dous grupos que obrigou a dous axentes da Policía Nacional a separalos.

Afastados por uns metros, lanzáronse mutuamente berros e insultos. Mentres uns exclamaban "Viva España!", os outros proclamaban: "Non, non, non pasarán!". Ao redor das 13,00 horas, ambos os grupos quedaron disoltos.

Dos principais municipios de Galicia, A Coruña foi a que acolleu a maior concentración, con máis dun centenar de persoas, entre eles familias enteiras e de todas as idades. No caso da cidade herculina, o encargado de dar voz ao manifesto foi o presidente da xestora de Vox na provincia, Miguel Ángel Fernández López.

Concentración convocada pola plataforma 'España Existe', próxima a Vox, fronte ao Concello de Ourense.
Concentración convocada pola plataforma 'España Existe', próxima a Vox, fronte ao Concello de Ourense. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

2 Están tolos estes españois

Estes da foto quen son? as "juventudes" de Vox. :D :D Vaia grupúsculo de fachosos

1 Xanti

Se o da foto de Ourense lle chamades unha manifestación concurrida... tamén vin a da Coruña e en fin, tamén catro gatos.