O Concello de Ourense inicia o luns a reparación dos espazos termais alagados

A valoración inicial, xa que existen instalacións aínda cubertas por auga ou arrastres de materiais depositados, ascende a 10.000 euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2020 | Actualizada ás 12:29

Comparte esta noticia

O Concello de Ourense ten previsto iniciar o vindeiro luns os traballos de recuperación, en concreto a mellora dos camiños e accesos, dos espazos termais da marxe dereita do Río Miño afectados polas recentes riadas. Así o anunciou este xoves, ao termo da rolda de prensa para dar conta dos asuntos acordados na Xunta de Goberno Local, a concelleira de Turismo e Termalismo, Flora Moure.

A valoración inicial dos danos ocasionados ascende a 10.000 euros pero aínda existen instalacións cubertas pola auga ou arrastres de materiais depositados que fan que non se poida avaliar ao completo, explicou Moure.

Con todo, non hai previsión, polo momento, para a conclusión das obras de reparación das zonas termais e o feito de que os traballos non se iniciaran antes débese á "espera dunhas condicións climatolóxicas favorables e aos informes dos técnicos para abordar esta situación", segundo manifestaron por parte do Concello.

Neste contexto, o portavoz da Xunta de Goberno Local, Miguel Caride, sinalou que "o maior custo de ter pechadas estas instalacións é o social". Así mesmo, explicou que as actuacións se efectuarán "de forma rápida" por parte das brigadas municipais e coa colaboración das máquinas da Deputación, "sen necesidade de facer contratacións".

Entre as actuacións xa definidas atópanse a recolocación do panel informativo e a reposición e instalación dunha ducha na Chavasqueira; a reparación ou substitución completa da fonte do Tinteiro; a limpeza e desinfección dos depósitos e canalizacións de auga termal en Outariz e queda pendente, entre outras, a valoración da caseta destinada a vestiarios no Muiño da Veiga que resultou desprazada.

A edil de Termalismo tamén explicou que o departamento de Urbanismo continúa estudando os trámites para a reparación das termas de pago da Chavasqueira, logo de que un incendio calcinase por completo as instalacións. Ademais, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil solicitou un informe con documentación relativa á primeira instalación.

Así mesmo, Flora Moure sinalou que o Concello de Ourense contempla "proxectos importantes de mellora das instalacións termais xa existentes" e que "a culminación" do plan termal sería "a existencia dun balneario na cidade", como xa se falou noutras ocasións.

XARDÍN XAPONÉS

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local deste xoves aprobou o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, a explotación das instalacións municipais do Xardín Xaponés. O prego de contratación da instalación comercial de 100 metros cadrados estipula un prazo de concesión de cinco anos improrrogables, por un importe anual de case 51.300 euros (IVE incluído).

Rolda de prensa tras a xunta de goberno local en Ourense do 16 de xaneiro de 2020.
Rolda de prensa tras a xunta de goberno local en Ourense do 16 de xaneiro de 2020. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta